DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun obradoiro inserido na oferta formativa da Vicerreitoría

20 estudantes inícianse no campus na lingua de signos

O curso busca achegar ao alumnado á realidade da comunidade xorda

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 16/10/2018

Adquirir os coñecementos que fagan posible manter unha conversa básica en lingua de signos e, á vez, coñecer o contexto lingüístico, social e cultural no que desenvolven a súa vida as persoas xordas. Estes son os dous obxectivos principais do taller Comunícate coas mans. Lingua e cultura da comunidade xorda, que, no marco do programa de obradoiros promovido pola Vicerreitoría do campus para este primeiro cuadrimestre, se desenvolve nestas semanas na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Coas súas 20 prazas cubertas, maioritariamente por estudantes de diferentes titulacións do campus, este taller de 30 horas trata de achegar ao alumnado unha serie de nocións básicas da lingua de signos española a través dunha “formación de carácter principalmente práctico”, como explica a súa directora, a profesora Ana Fernández Soneira, pero tamén “que aprendan que unha lingua vai asociada a unha cultura e a unha comunidade que a fala”. 

Un primeiro achegamento a que é unha lingua visuoxestual e ao alfabeto dactilolóxico, xunto con sesións prácticas nas que as alumnas e alumnos fan uso das súas mans para presentarse, pedir e dar datos persoais, describir a súa contorna ou falar das súas afeccións forman parte dos contidos do curso que Fernández Soneira, integrante do grupo de investigación en lingua española e linguas signadas Griles, imparte xunto coa intérprete de lingua de signos e alumna do grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios Alba Puentes e Manuel Lema, unha persoa xorda que se atopa actualmente cursando o grao en Belas Artes. Con experiencia previa como docente, tras ter impartido diferentes cursos na Asociación de Persoas Xordas de Vigo, o delineante e alumno do campus Manuel Lema recoñecíase nese senso “encantado” coa posibilidade de impartir un obradoiro que permita achegar ao alumando a un sistema de comunicación que contribúe a “ir construíndo algunhas pontes para entendernos”.

Lingua de comunicación, lingua de inclusión

“Aínda que utilicemos sistemas escritos, a lingua de signos danos oportunidades diferentes e moito máis amplas, é unha forma de poder comunicarme igual que vos comunicades entre vós”, sinaláballes Lema ás alumnas e alumnos do obradoiro que se desenvolve entre os meses de setembro e novembro e no que a a lingua de signos se presenta non só como unha ferramenta de comunicación, “senón tamén como lingua de inclusión”, como engade Fernández Soneira. Unha lingua, lembra, recoñecida, “pero non moi coñecida”, pese ao papel que pode xogar no eido da inclusión en ámbitos como o educativo, “no que paréceme básico ter certas nocións”. De feito, ademais de estudantes de Belas Artes e de Comunicación Audiovisual, boa parte das alumnas do curso proveñen da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, explica a directora do taller, que recoñece que se trata dun grupo que “vai aprendendo bastante básicos os contidos do que sería unha comunicación básica, que é o que queremos conseguir”, achegar unha serie de nocións coas que perder “ese medio inicial” a comunicarse cunha persoa de xorda, “que é simplemente alguén que fala unha lingua diferente da túa”.

Un achegamento á realidade diaria

Neste senso, o obradoiro vai máis aló da “parte comunicativa da lingua” para afondar tamén “en todo o que á rodea, o que é a lingua de signos so sistema educativo, no sistema social e no sistema gobernamental”, sinala Fernández Soneira dun obradoiro que busca tamén dar resposta as inquedanzas e dubida do alumnado respecto á realidade diaria das persoas xordas e os problemas e barreiras de comunicación ás que teñen que facer fronte na súa vida diaria. De feito, unha das primeiras sesións serviu tamén para abordar unha serie de “crenzas erróneas” vinculadas a esta comunidade, “como que os xordos non poden ir a escola porque non aprenden igual que os demais, que non poden conducir ou que todas as persoas xordas len os labios perfectamente”, apunta esta docente dalgunhas desas creanzas que busca rebater un obradoiro que celebra no presente curso a súa primeira edición.