DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As actividades arrancarán xa a vindeira semana con mesas de debate en Vigo e Pontevedra

2020 será na UVigo o ano da divulgación científica en galego

Realizaranse múltiples iniciativas coa colaboración da comunidade investigadora

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Institucional
D. Besadío DUVI 15/11/2019

2020 será na Universidade de Vigo o ano da divulgación científica en galego. Este é o gran propósito que se marcan dende a Área de Normalización Lingüística para o vindeiro ano. Para acadalo puxéronse mans a obra, coa colaboración da Unidade de Cultura Científica e da Innovación, planificando toda unha serie de actividades que arrancarán xa a vindeira semana coa celebración de varias mesas redondas en Vigo e Pontevedra coas que se pretende amosarlle á comunidade universitaria e ao público en xeral unha dobre realidade: que o galego é unha lingua tan válida como calquera outra para facer ciencia e que a ciencia é un eido clave para a normalización da lingua.

“Na actualidade faise aínda pouca divulgación científica e, se falamos de divulgación científica en lingua galega, as cifras son aínda menores”, explica o profesor e investigador Fernando Ramallo, director da ANL, que fai fincapé na necesidade de que o coñecemento científico que xorde no ámbito universitario chegue ao conxunto da sociedade. “A poboación ten todo o dereito do mundo a formarse cientificamente e a facelo na súa lingua”, explica Ramallo, que se amosou tremendamente convencido de que hai público interesado en coñecer máis sobre aspectos diversos da ciencia que se está a facer dende a Universidade e para satisfacer esta demanda a Universidade debe, baixo o seu punto de vista, producir os contidos axeitados de forma atraínte. “Se logramos facer isto en lingua galega contribuímos de maneira obvia á normalización da lingua”, recalca o responsable da ANL.

Mesas redondas abertas ao público en xeral 

En total vanse levar a cabo tres mesas redondas: unha o mércores 20 ás 19.30 horas na Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra e dúas en Vigo o xoves 21, a primeira ás 12.00 horas na sala de reunións do edificio Ernestina Otero e outra, xa pola tarde, ás 19.30 horas, na Biblioteca Pública Juan Compañel (rúa de Joaquín Yáñez, núm.6). 

No caso do campus de Pontevedra optouse pola Facultade de Belas Artes debido á súa situación estratéxica no centro da cidade, o que facilitará a asistencia do público pontevedrés que poida estar interesado neste tipo de cuestións. Neste caso participarán na mesa as investigadoras Lourdes Maceiras, do grupo de investigación en Medicina e Saúde Pública; Paula Rivas, do Laboratorio de Neurociencias, e Ana Rey, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte; e os investigadores Ricardo Beiras, do grupo de investigación de Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña, Ecotox; Manuel Sendón, da Facultade de Belas Artes; José Andrés Santiago, do grupo dx5 digital & graphic art research, e Adolfo Cordero, do grupo de investigación de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación, Ecoevo.

En Vigo a mesa de debate que se celebrará no campus estará moderada polo propio Ramallo e contará coa participación de Manuel Ángel Pombal, do grupo de investigación de Neurobioloxía de Lampreas, Neurolam; Anxo Mena, de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica, XM-1, e a directora do Laboratorio de Micoloxía, Marisa Castro. Xa pola tarde, na mesa que se vai levar a cabo no centro da cidade, participarán os investigadores Xavier Simón, do grupo de investigación Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia, GIEEAH; Alejandro Saavedra, do grupo de investigación de Inferencia Estatística, Decisión e Investigación Operativa, Sidor; Gustavo Bergantiños, do grupo de Economía, Sociedade e Territorio, Ecosot; e Xosé Manuel Pacho, en representación da Agrupación de Grupos de Investigación de Dereito Administrativo e Filosofía do Dereito, AGAF.

Participan 15 investigadoras e investigadores de distintos ámbitos

Son en total 15 investigadoras e investigadores de diferentes ámbitos e  grupos de investigación. “Fíxose unha convocatoria aberta a todos os grupos e a reacción foi moderada. Houbo equipos que desde o primeiro día apostaron por apoiar de maneira clara esta iniciativa e outros que preferiron colaborar noutras accións que tamén temos previstas”, recalca Ramallo, ao tempo que adiantou que, entre outras iniciativas, haberá exposicións e estanse a preparar guías didácticas para levar aos centros de ensino secundario. Ademais, o calendario que cada ano se distribúe dende a ANL xirará nesta ocasión en torno a esta temática.

“Unha necesidade social e tamén unha responsabilidade”

“A divulgación científica en galego é unha necesidade social e tamén unha responsabilidade institucional que debemos ter os investigadores e investigadoras universitarios cara á sociedade en xeral”, explica o responsable da ANL, quen recalca que estas mesas de debate servirán para abrir o debate de por que non se fai máis divulgación e por que a pouca divulgación que se fai, apenas se fai en galego. “Farémolo a través da testemuña de xente que está comprometida coa lingua, pero que na súa actividade investigadora non fai un uso maioritario do galego”, explica Ramallo, unha cuestión que, segundo a súa opinión, se debe a toda unha serie de lóxicas que practicamente obrigan a facer as publicacións científicas en inglés ou en castelán. “Hai un público interesado na divulgación científica en galego pero precísase aumentar os apoios Institucionais de cara a que eses posibles factores penalizadores queden reducidos”, recalcou.