DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro de Firepoctep, proxecto interrexional que conta cun orzamento de 5,5 millóns de euros

21 institucións de España e Portugal ultiman en Vigo o deseño dunha estratexia de “prevención e actuación” fronte aos grandes incendios forestais

Enxeñeiros da UVigo deseñan un sistema que permite o control nocturno dos lumes a través de drones

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
D. Besadío DUVI 29/06/2022

Hai apenas uns días arderon na serra da Culebra, en Zamora, máis de 30.000 hectáreas de monte, un pesadelo de fogo e destrución cada vez máis habitual na península ibérica. Os incendios forestais non dan tregua nin a van dar. Ante esta situación 21 institucións de España e Portugal, coordinadas pola Junta de Andalucía, ultiman esta semana no campus de Vigo o deseño dunha estratexia común de “actuación e prevención” fronte aos grandes lumes. Fano na 4º reunión técnica do proxecto Firepoctep, unha xuntanza que se está a desenvolver na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e na que se presentan os resultados acadados nos últimos meses dentro dun traballo que conta cun orzamento de 5,5 millóns de euros, financiados nun 75% con fondos Feder. Fálase da definición de Áreas Estratéxicas de Xestión, do control nocturno dos lumes, de sensores de detección temperá...

Na Universidade de Vigo lidera o proxecto o director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, quen foi o encargado de darlles a benvida a todos os participantes, entre eles diferentes profesores e investigadores dos tres campus da UVigo. A apertura do encontro correu a cargo da vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade, María Isabel Doval, que participa tamén como investigadora neste proxecto; do subdirector do Centro Operativo Regional Infoca da Junta de Andalucía, Alejandro García, director técnico do proxecto, e da directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca Díaz.

“Estamos ante un proxecto moi interesante que vai dar moito que falar”, explicou a vicerreitora, quen fixo fincapé en que os incendios son “un tema complexo, poliédrico e, polo tanto, con moitísimas implicacións”. Nesta liña a directora da escola destacou que calquera iniciativa que vaia na liña de protexer, defender e facer sostible os pulmóns naturais desta rexión é algo “sempre benvido” e debe ser tamén extrapolable a outras zonas xeográficas con amplitude de zonas verdes. “Estanse xerando produtos e resultados interesantísimos para a investigación sobre incendios forestais”, destacou pola súa banda o director técnico do proxecto.

Na UVigo están implicadas cinco escolas de enxeñaría  e a Facultade de Educación e Traballo Social

“Nas súas diferentes actividades Firepoctep analiza de xeito transversal a problemática dos incendios forestais na raia hispano-portuguesa”, explica o director da Escola de Enxeñaría Forestal, quen resalta especialmente o feito de que os avances acadados están a permitir unha aproximación á prevención deste tipo de incendios “dende unha escala territorial” e contribúen de xeito claro ao desenvolvemento de distintas metodoloxías que permitirán definir as chamadas Areas Estratéxicas de Xestión, “puntos claves fronte aos grandes incendios forestais”. Na UVigo participan no proxecto investigadores e investigadoras de cinco das súas escolas de enxeñaría (Forestal, en Pontevedra; Telecomunicación e Industrial, en Vigo, e Informática e Aeronáutica, en Ourense), xunto coa Facultade de Educación e Traballo Social, desde onde se encargan do deseño de accións que contribúan á formación e sensibilización da poboación ante estas cuestión.

Na parte da enxeñaría os investigadores da EE Forestal Juan Picos, Julia Armesto, Laura Alonso e Carlos Souto son os encargados da determinación desas zonas estratéxicas na comarca do Baixo Miño, mentres que os integrantes do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais (GTA) Fernando Aguado, Pedro Orgeira e Carlos Ulloa, xunto con Juan Carlos González Moreno, do Laboratorio de Informática Aplicada, son os encargados de desenvolver ese “sistema de axuda” a pilotaxe de drones en condicións de lume nocturno. Por outra banda, Pablo Izquierdo, do grupo CIMA, está a deseñar un software para determinar o emprazamento idóneo de sensores de detección temperá dos lumes.

Case listo o sistema para facer o seguimento nocturno con drones 

Desde o Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais, Pedro Orgeira e Carlos Ulloa explicaron nesta xornada que o sistema de axuda á pilotaxe de drones está xa moi avanzado. Trátase dunha ferramenta pensada para que os bombeiros poidan realizar o seguimento dos incendios pola noite, cando non se dispoñen de medios aéreos. “Os drones actuais o único que permiten ver durante a noite é unha espesura negra e un resplandor moi grande e con iso non se pode avaliar a evolución da fronte do fogo”, salienta Orgeira.

O sistema que eles desenvolveron está deseñado para instalarse nun drone e que poida sobrevoar e perimetrar o fogo e, a través dunha cámara, capturar e procesar a información requirida. “O que fai é crear unha contorna sintética do que se vería se unha persoa estivese sentada encima do drone”, explican os investigadores, ao que engaden que se ve o perfil do terreo, “xerado sistematicamente a través de ordenador”, a posición e a actitude que ten a aeronave e, sobre esa imaxe, superponse unha capa que indica a traxectoria do lume. “Desta maneira veríase, como se fose sobre un Google Maps ou Google Earth, cal é a contorna e o perímetro do fogo, de maneira que o bombeiro poida avaliar a situación e tomar as decisións que sexan precisas”, salienta Orgeira.

O sistema componse de dúas patas fundamentais, por unha banda, a parte do drone e, pola outra, a creación da visión sintética. A parte do drone xa está desenvolta e, desde a semana pasada, están realizando test de voo, probas que se prolongarán ao longo de todo o mes de xullo. En canto ao sistema de visión sintética que presenta o terreo sobrevoado polo UAV de forma artificial, conxugándoo coas imaxes captadas polas cámaras, están en proceso de culminar o software que realizará esas funcións, estando xa facendo probas de laboratorio ao respecto. Nos vindeiros meses finalizarán as probas de laboratorio e comezarán con probas de campo en colaboración coas unidades de emerxencia, “en escenarios reais, pero controlados”.