DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celestino Quintela incorpórase á UVigo cunha prestixiosa axuda Marie S. Curie da Comisión Europea

260.000 euros para investigar como determinadas árbores tropicais poden axudar a restaurar solos contaminados

O proxecto ten unha duración de 36 meses e levarase a cabo no seo do Grupo de Ecoloxía Animal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
D. Besadío DUVI 07/05/2021

A Universidade de Vigo incorporará o vindeiro curso ao seu cadro de persoal ao investigador galego Celestino Quintela Sabarís, a quen lle foi concedida unha prestixiosa axuda Marie Sklodowska-Curie, unha das máis competitivas e prestixiosas que concede a Comisión Europea dentro do Programa Marco para a Investigación e o Desenvolvemento Tecnolóxico, Horizonte 2020. Quintela chega a Vigo tras unha estancia de case tres anos na universidade francesa de Lorraine e aquí desenvolverá, baixo a titorización do profesor Jorge Domínguez, o proxecto Exploración da biota do solo asociada ás árbores Casuarináceas de áreas ultramáficas tropicais, un traballo que lle permitirá seguir investigando sobre esta familia de árbores tropicais que teñen a extraordinaria capacidade de axudar a restaurar solos sometidos a elevados niveis de contaminación.

O proxecto, que arrancará oficialmente o 1 de setembro, ten unha duración de 36 meses e o importe da axuda que se lle concedeu ascende a 259.398 euros. Centrarase en tres especies da familia Casuarinaceae -Ceuthostoma terminale, Gymnostoma nobile e G. sumatranum- e nos organismos que viven asociados ás súas raíces, xa que estas teñen unha gran capacidade para establecer  simbiose con bacterias fixadoras de nitróxeno, sobre todo as do xénero Frankia. “Ademais estas tres especies teñen tamén a capacidade de medrar en solos ultramóficos, terreos que acostuman presentar unha baixa dispoñibilidade de nutrientes e altas concentracións de metais pesados como níquel, cromo ou cobalto, ata o extremo de achegarse a niveis tóxicos”, explica o investigador, ao que engade que este tipo de terreos son “relativamente abundantes”  no sueste de Asia, unha zona moi afectada polo elevado impacto da actividade mineira.

Nun traballo previo que o investigador publicara no 2019 xa se observara que a especie Ceuthostoma terminale fomentaba a recuperación de solos ultramáficos degradados, polo que estas tres especies nas que agora se vai centrar teñen todas un gran potencial para a restauración de solos afectados pola minería.

O proxecto inclúe numerosos traballos de campo en Malaisia

A investigación arranca con dous grandes obxectivos. Trátase, por unha banda, de identificar as diferentes cepas de Frankia que viven en simbiose con estas árbores e determinar a súa tolerancia ao níquel e ao magnesio e, pola outra, de coñecer a composición da broza, os restos de ramas e follas mortas, destas tres especies e cales son os organismos implicados na súa degradación e incorporación ao solo, con especial interese nos fungos saprófitos, aqueles que se alimentan da materia orgánica morta ou en descomposición, e as miñocas.

Ademais do traballo de cultivo e identificación das Frankia presentes nas raíces destas Casuarináceas, tamén se levarán a cabo diferentes experimentos, tanto en laboratorio como traballos de campo no estado de Sabah na zona norte da illa de Borneo, en Malaisia. “Fundamentalmente o que vou facer alí e recoller material para logo poder traballar no laboratorio e así tratar de ver se é viable o uso de miñocas para acelerar a degradación dos restos destas árbores”, recalca o investigador.

Europa destina estas axudas aos profesionais cun futuro científico máis prometedor

As axudas Marie Sklodowska-Curie buscan promover a carreira profesional de investigadores con talento, fomentando así a mobilidade dos mellores e máis prometedores científicos. No caso de Celestino Quintela realizou os seus estudos de doutoramento en Bioloxía e Fisioloxía Celular na Universidade de Santiago de Compostela e, posteriormente, levou a cabo unha estancia de posdoutoramento de case tres anos no Laboratorio de Solos e Medio Ambiente da Universidade de Lorraine, en Francia, onde iniciou a liña de investigación que continuará agora grazas a esta axuda Marie Curie. “Son un biólogo interesado en solos ricos en metais e na flora que teñen asociada, con especial énfase nos ambientes ultramáficos”, subliña o investigador, ao que engade que durante a súa carreira desenvolveu un perfil multidisciplinar sobre este tema, incluíndo desde a xenética de poboacións ata a avaliación de modificacións do solo para diferentes aplicacións.

Para a realización deste proxecto incorporarase ao Grupo de Ecoloxía Animal (GEA) da Universidade de Vigo que lidera o profesor Jorge Domínguez, quen, no verán de 2019 lle axudou a redactar a  exitosa proposta coa que concorreu a esta convocatoria de axudas. Unha vez incorporado na UVigo “ademais da supervisión do profesor Domínguez, o resto do persoal do grupo tamén me vai apoiar para chegar a acadar os obxectivos propostos”, explica Quintela, ao que engade no que se refire á xestión económica e administrativa do proxecto conta coa axuda e asesoramento da Oficina de Proxectos Internacionais da Universidade de Vigo. “Combinarei o traballo de campo en Borneo co de laboratorio nas instalacións do grupo GEA no campus, así como co teletraballo para as cuestións de gabinete”, explica o investigador, ao que engade que “a maiores penso establecer e manter unha rede de colaboración con investigadoras de Malaisia, Francia e Reino Unido”.