DUVI

Diario da Universidade de Vigo

95 persoas participaron na Olimpíada Solidaria de Estudo no campus

2609 horas na biblioteca que se converten en diñeiro solidario

Aínda está aberta a campaña de recollida de xoguetes e alimentos do Nadal

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 09/12/2019

2609 horas de estudo realizadas por 95 persoas que se converten en diñeiro solidario para dous proxectos de empoderamento de mulleres de Ecuador e República Democrática do Congo. Con estas cifras péchase a participación da Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense na Olimpíada Solidaria de Estudo, iniciativa internacional organizada por ONGD Coopera, Cooperación Internacional e ACTEC, que tivo lugar do 5 de novembro e ata o 5 de decembro.

As persoas que decidiron participar nesta acción solidaria só tiveron que apuntar nun espazo habilitado na entrada da biblioteca o número de horas de estudo realizadas nas súas instalacións. Por cada hora “doada”, a organización da Olimpíada destinará, grazas ás entidades patrocinadoras, un “olimpio” a financiar proxectos de cooperación ao desenvolvemento en países desfavorecidos. O “olimpio” é o papel moeda da olimpíada posto en marcha nesta edición e a súa equivalencia en euros calcúlase pola organización en función do número de participantes, as horas reunidas e o patrocinio conseguido para os proxectos seleccionados. Desde a Oficina de Voluntariado do campus agradecen a todas as persoas participantes a súa colaboración nesta iniciativa solidaria.

Dous son os proxectos aos que se destinará o diñeiro recadado este ano na biblioteca universitaria do campus. O primeiro deles é unha iniciativa de reactivación da actividade produtiva de mulleres artesás do cantón de San Vicente en Ecuador. O proxecto quere apoiar a un grupo de 220 mulleres emprendedoras organizadas en asociacións de produción artesanal a través de procesos de mellora da súa capacitación profesional, emprendemento e comercialización dos produtos artesáns que elaboran. O segundo proxecto que se financiará é de empoderamento, formación e capacitación de 463 mulleres ecoprodutoras organizadas en nove asociacións e integradas na Palataforma Ecolo Femme co fin de mellorar o seu status social e o seu benestar global na República Democrática do Congo, considerado “como o peor lugar do mundo para nacer muller”.

Última semana da campaña de Nadal

Ata o día 14 de decembro continúa no campus a recollida solidaria de xoguetes e alimentos do Nadal. Os alimentos recollidos serán entregados ao Banco de Alimentos e os libros e xoguetes a Cruz Vermella e á Asociación Xuvenil Amencer. Seguindo as indicacións de anos anteriores, as entidades que xestionarán as doazóns indican que preferentemente necesitan conservas, aceite, leite, embutidos e, dadas as datas, produtos típicos do Nadal. No caso dos xoguetes e libros indícase que poden ser novos ou xa usados pero teñen que estar en bo estado e ser non bélicos e non sexistas. Os puntos de recollida están habilitados nas entradas do edificio Xurídico-Empresarial, a biblioteca, o pavillón de deportes, o edificio Politécnico e o Edificio de Ferro. Nos carriños dispostos tanto os membros da comunidade universitaria coma a cidadanía en xeral pode deixar as súas doazóns.