DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Plataforma Galicia-EscudoCovid19 continúa producindo e entregando material

3000 pantallas protectoras para que a Deputación de Ourense distribúa entre entidades da provincia

Tamén esta semana se doaron 100 dispositivo LU_Touch á residencia de Cabeza de Vaca

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Saúde
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Ourense 24/04/2020

3000 pantallas protectoras para que a Deputación de Ourense distribúa entre entidades da provincia na loita contra a COVID-19. Esta foi a entrega que este venres fixo no Pazo Provincial a Plataforma Galicia-Escudocovid19.org, coordinada pola Universidade de Vigo e Asime e que conta coa participación de arredor dunha vintena empresas galegas. Tamén esta semana e no marco da mesma iniciativa doáronse 100 dispositivo LU_Touch á residencia de Cabeza de Vaca. 

Protexer ao persoal sanitario e asistencial

Trátase, salientan desde a Vicerreitoría de Transferencia da Universidade de Vigo, da terceira entrega de material deste tipo que se realiza en Ourense, xa que en semanas anteriores entregáronse 2000 pantallas protectoras ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e á Fundación San Rosendo e outras 2000 ao Grupo Coren, que participou doando materia prima para a súa fabricación. Na entrega deste venres, Enrique Mallón, secretario xeral de Asime, acompañado de Ramón Alonso, xerente de Dalot, subliñou que “con este proxecto solidario temos repartido xa máis de 40.000 pantallas protectoras en toda Galicia. Esperamos que a entrega de hoxe contribúa a paliar a pandemia na área territorial de Ourense, axudando a protexer cun material da maior calidade ao persoal sanitario e asistencial que loita cada día contra o virus en primeira liña”.

O material doado á Deputación de Ourense irá destinado “aos diversos centros hospitalarios e asistencias da nosa provincia, así como a organizacións da nosa área territorial”, explicou Plácido Álvarez, vicepresidente terceiro da Deputación de Ourense, na recepción do material. O representante provincial agradeceu “este xesto de solidariedade tan importante que nos vai a permitir distribuír 3000 pantallas protectoras na nosa provincia e continuar protexendo aos que nos están coidando nesta pandemia”. Os escudos están feitos de PET, plástico utilizado polo sector da alimentación e que se pode desinfectar facilmente para o seu uso continuado.

Tamén esta semana e froito da colaboración entre a Universidade de Vigo, Asime e empresas galegas, neste caso Lupeon, Dativic, Roviño5 e Akwel Automotive, entregáronse 100 dispositivo LU_Touch á residencia de maiores de Cabeza de Vaca, dependente da Xunta de Galicia en Ourense. LU_Touch é un útil de apertura e peche de portas e fiestras que permite tamén actuar como pulsador de botóns e interruptores, de xeito que se evita o contacto directo con superficies e se limitan os riscos de contaxio. O dispositivo foi ideado por Lupeon, en colaboración coa súa empresa loxística filial Dativic.

Colaboración público-privada

A Plataforma Galicia-EscudoCovid19 enmárcase na iniciativa popular Escudocovid19, que une a provedores de materia prima e ferramentas, centros de produción e medios loxísticos de toda España para producir pantallas protectoras para os diferentes sectores involucrados na loita contra a pandemia. Esta iniciativa solidaria naceu na Universidade de Vigo, da man do director do centro de investigación Cintex, José Luis Martínez Lastra, quen ademais coordinou para Galicia o proceso de deseño, produción e loxística da pantalla, xunto con outros investigadores do centro e do campus de especialización Vigo Tecnolóxico, contando tamén coa implicación da Vicerreitoría de Transferencia. No caso de Galicia, a iniciativa está coordinada por Martínez Lastra e polo tamén profesor da Escola de Enxeñería Industria José Antonio Pérez, xunto co secretario xeral de Asime, Enrique Mallón. Actualmente son arredor dunha vintena as empresas involucradas no proceso de deseño, fabricación e distribución de material sanitario en Galicia, entre elas Adhex, Dalot, Dativic, Lupeon, MCSyncro, Mepronor, Plascies, Plymouth, Troqueles Galicia e Valver. Esta última está levando a cabo de forma altruísta a produción galega dos escudos nas súas instalacións en Mos. A elas están sumando as súas achegas económicas e esforzos empresas como Asesoría y Consultoría de Empresas Despachos Asociados, Cerradoras López Galicia, Coren, Distevi, Gadisa, Fabricaciones Parma, Instalaciones del Noroeste, Itera Técnica, Laser Galicia, Metaldeza, Onice Estudios y Proyectos, Resinas Castro, Royal Roos Ingeniería, Solmecor, Umiametal, Utingal e Vigumat. Desde o campus de Ourense participan no proxecto os profesores da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo José Antonio Pérez, Higinio González e Iván Area, contando neste caso ademáis co apoio da Vicerreitoría do Campus.