DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A sexta promoción de grao celebrou o venres o seu acto de graduación

35 novas e novos xuristas forxados na Facultade de Dereito ourensá

Tamén se nomeou a Silvia Barona membro honorífico do claustro de profesores

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Estudantes
DUVI Ourense 04/06/2018

A sexta promoción do Grao en Dereito, da Facultade de Dereito do campus de Ourense, celebrou este venres a súa graduación. 35 novas e novos egresados do centro recolleron as súas bandas e diplomas de man das autoridades académicas presentes e ante o aplauso de familiares, amigos e membros da comunidade universitaria. Durante o acto tamén se produciu o nomeamento de Silvia Barona, catedrática de Dereito Procesual da Universitat de València, como membro honorífico do claustro de profesores da facultade ourensá. 

O acto contou coa participación, entre outros, de Virxilio Rodríguez, vicerreitor en función do campus de Ourense; Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, e Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito, apadriñando a esta nova promoción a profesora doutora Mónica Siota e o profesor doutor Roberto Ignacio Fernández. “Chegou o momento de que a vosa formación reverta na sociedade que confiou e investiu en vós. Sodes únicos e, por iso, o voso talento pode ser moi diverso. Comprometédevos e dade sempre o mellor de vós mesmos. Os inicios non adoitan ser fáciles. Sede constantes, perseverade con entusiasmo e conseguiredes as vosas metas. Pero, sobre todo, non vos rendades”, díxolle a decana da Facultade de Dereito ás novas e novos egresados do centro.