DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolleu este xoves a XXVIII Gala do Deporte Universitario

41 exemplos de compromiso co deporte e cos seus valores

A distinción ao deportista do ano foi para a estudante e nadadora olímpica Beatriz Gómez

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Premios
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI Ourense 21/11/2019

A festa do deporte da Universidade de Vigo trasladouse este ano ao campus de Ourense. 41 persoas e colectivos, principalmente da comunidade universitaria pero tamén alleos a ela, foron galardoados este xoves na celebración da XXVIII Gala do Deporte Universitario. Elas e eles recolleron os seus galardóns en recoñecemento ao seu compromiso co deporte e cos seus valores. “O deporte poder ser unha ferramenta idónea para facer mellores persoas que fagan unha sociedade mellor”, recalcou na cerimonia Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo.

O acto de entrega de premios, que se celebra de xeito rotatorio cada ano nun campus da Universidade de Vigo baixo a organización da Área de Benestar, Saúde e Deporte, tivo lugar no salón de actos do edificio Politécnico. Presentado pola actriz Iria Pinheiro, actuou de madriña Almudena Pazos, bombeira galardoa en competicións internacionais de policías e bombeiros e campioa galega de orientación. “Hoxe é un día de festexo pero tamén de reivindicación, pois con esta festa visibilizamos os valores que moven á comunidade deportiva da Universidade, celebramos así a disciplina, o traballo en equipo, a constancia e o esforzo das persoas que día a día incorporan o deporte ás súas vidas”, salientou Iria Pinheiro na presentación do evento. Pola súa banda, Almudena Pazos fixo un alegato sobre a importancia de rachar o teito de cristal no deporte, na educación e na sociedade para que “as nenas e os nenos poidan ser o que queiran ser”.

O compromiso coa igualdade e a valorización do deporte feminino tamén foi recalcado polo reitor no seu discurso, reafirmando “o compromiso inequívoco co reto da igualdade” da institución académica. “Precisamos tamén empregar o deporte como unha ferramenta que permita visibilizar que as mulleres poden, que as mulleres podedes, que todo se pode conseguir con esforzo”, afirmou Reigosa. Agradecendo ás e aos deportistas presentes “a excelente representación que fixestes da nosa Universidade en campionatos de todo tipo”, o reitor recalcou como os valores do deporte, como o esforzo, o traballo en equipo, a solidariedade e o xogo limpo, deben estar presentes no día a día e en cada egresado e egresada da Universidade. “Queremos utilizar o deporte para mellorar como Universidade e para mellorar como sociedade”, dixo.   

Galardoados de dentro e fóra da Universidade

Na gala, que contou coa actuación da compañía Pablo Méndez Performance e coa asistencia de numeroso público, concedéronse 31 premios individuais e dez colectivos nun amplo abano de categorías. O reitor da Universidade de Vigo foi o encargado de entregar a  distinción ao deportista do ano, un galardón que, indicouse na presentación, “é moi importante por que cada ano distingue a aquela ou aquel estudante que acadou grandes méritos deportivos ao longo do curso”. Nesta ocasión recaeu na nadadora olímpica Beatriz Gómez. Manuel Reigosa tamén fixo entrega dos XI Premios á Excelencia Académica e Deportiva, dotados con 500 euros cada un e destinados a destacar “a persoas que son quen de conciliar a súa carreira deportiva coa vida académica”. As premiadas foron as alumnas Raquel Meaños, Nerea Pampín, Xiana Pérez e Laura Vázquez.

As e os premiados polos éxitos acadados en competicións universitarias e federadas recolleron os seus galardóns de mans da madriña da cerimonia. As medallas individuais polos resultados obtidos nos Campionatos de España Universitarios 2019 foron para Miryam García, Laura Vázquez e Alejandro Losada en taekwondo; para Beatriz Gómez en natación; para Leticia Fernández, Raquel Meaños e Sergio Paredes en atletismo; para Noelia Lalín, Nerea Pampín, Cristina Alves e Pablo García en loita; para Manuel Brea en bádminton; para Anxo Fernández e Brais Pereira en judo e para Xiana Pérez en esgrima. Por equipos, as medallas polos éxitos acadados nestes campionatos foron para os de balonmán feminino (ouro), loitas olímpicas (prata) e vela (bronce).

Na gala tamén se entregaron, de man de Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, diferentes recoñecementos especiais. Así, os taekwondistas Alejandro Losada e Iván García foron distinguidos individualmente pola súa participación na Universiada 2019. Tamén se deron tres recoñecementos especiais a equipos. O primeiro deles foi para a Sección Baloncesto Universitario Campus Ourense, cuxa categoría sénior masculina foi campioa do grupo sur na primeira división autonómica, xogando a fase de ascenso a LEB prata, e cuxa sección feminina obtivo o segundo posto na primeira división autonómica. O segundo foi para o Campus Universitario Ourense Rugby Club, cuxo primeiro equipo conseguiu o terceiro posto na división de honra B da Federación Española de Rugby, xogando o ascenso para a división de honra, e foi campión da Copa Xunta de Galicia.  A categoría feminina deste club logrou o segundo posto na liga rexional, xogando o ascenso para a división de honra. Tamén tivo un recoñecemento especial o equipo Club Deportivo Tenis Dereito Empresariais, na categoría de maiores de 45 anos, por acadar o subcampionato da primeira división da Federación Galega de Tenis, conseguindo o ascenso á división de honra.

Recoñecementos especiais

Os recoñecementos especiais individuais foron en baloncesto para as xogadoras e o xogador do Universitario Campus Ourense xa retirados Bárbara Lamelo, Cristina López, Sara Vázquez e Adrián Iglesias; para Juan Carlos Rodríguez Cantón Juanki, ex-xogador e ex-presidente do Campus Universitario Ourense Rugby Club, e para Rubén Fernández, medalla de bronce no mundial universitario de xadrez. Por último, neste bloque tamén se rendeu unha homenaxe especial ás rutas culturais da Universidade de Vigo, con motivo da celebración este ano 2019 do seu 20 aniversario. Participantes na primeira das andainas, que tivo lugar en 1999, subiron ao escenario a recoller un agasallo. A gala continuou coa entrega de mencións especiais a persoas vencelladas á Universidade de Vigo. Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, foi a encargada de entregar estas distincións ao profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo José Ángel Vázquez Barquero, pola súa vinculación en xeral co deporte e de xeito específico co rugby universitario, e á egresada Zulema González, árbitro internacional de fútbol, que recolleu seu pai. O galardón á entidade colaboradora, entregado por Mario Guede, concelleiro de Deportes de Ourense, recaeu nesta edición na Policía Local do Concello de Ourense, pola súa implicación na organización de eventos deportivos.

O V Premio ao Fomento da Iniciación Deportiva foi para a Asociación Universitaria de Ciencias da Educación AUCE, pola súa prolífica contribución á divulgación de modalidades deportivas minoritarias, como o fútbol gaélico, e o VIII Premio Valor Solidario foi para a Andaina Solidaria Concello de Cenlle, que este ano cumpriu a súa décima edición. A gala tamén incluíu a entrega de galardóns de recoñecemento á cidadanía. Así, o VIII Premio Vida, á traxectoria persoal e deportiva, foi entregado por Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, a José García Calvo Willy, coordinador e “alma máter” dos roteiros culturais da Universidade de Vigo desde o seu nacemento en 1999 e unha figura destaca no desenvolvemento da cultura de andainas en Galicia.