DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na quinta edición das xornadas de seguimento do programa de doutoramento

66 estudantes someten as súas investigacións á avaliación dos coordinadores do programa Doc_TIC

Dúas expertas en análise de datos ofreceron cadanseu relatorio 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 15/06/2018

O procesado de sinal para comunicacións; procesado de fala; son ou imaxe; investigación en servizos e aplicacións de e-learning; aplicacións de aprendizaxe máquina en campos como turismo ou automoción; sistemas de radiofrecuencia e sen fíos… Estas son as temáticas que máis se repiten nos 66 traballos de doutoramento que este xoves e venres se presentaron na quinta edición das xornadas de seguimento do programa Doc_TIC do centro atlanTTic, que se celebraron na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. “Por un lado, trátase dunhas xornadas onde o alumnado presenta os traballos realizado durante o curso e debáteos co profesorado e os seus compañeiros e, por outro lado, o traballo é avaliado polos tribunais encargados disto. Deste xeito, os estudantes reciben feedback e pódeslle servir de reflexión”, explica a catedrática Carmen García Mateo, responsable do programa. 

No programa Doc_TIC hai neste intre 70 estudantes, un 50% deles do ámbito internacional, realizando as súas teses de doutoramento, dos que 33 participaron de xeito presencial na xornada, outros 33, por motivos profesionais, non puideron tomar parte nas sesións e catro, están a punto de presentar a tese, polo que tampouco participaron nesta avaliación. “En certo modo é un evento de encontro de todo o ecosistema de Doc_TIC, que unha vez ao ano amosa en clave interna o que está a facer”, sinala Carmen García Mateo, que tamén destaca que esta xornada permite ás e aos coordinadores do programa detectar de  forma temperá problemas e situacións que precisan dun cambio de rumbo.

Dúas expertas en análise de datos, protagonistas dos relatorios

As exposicións dos traballos do alumnado do programa de doutoramento complementáronse nesta edición das xornadas con dous relatorios impartidos por dúas expertas en análise de datos mediante técnicas de intelixencia artificial. O xoves, a docente da Universidade Metropolitana de Manchester e presidenta da sección do IEEE Women in Engineering for UK and Ireland, Keeley Crockett, ofreceu un relatorio sobre o silent talker, “un sistema pioneiro que permite realizar un perfil psicolóxico dunha persoa mediante unha conversa en linguaxe natural”, explica a responsable do programa.

Hoxe venres a analista de datos na BBC e especialista en BigData Clara Higuera, ademais de amosar ao alumnado a súa transición desde o mundo da academia ao da industria, realizou unha reflexión sobre como os datos poden mellorar os servizos do sector público, co exemplo concreto do uso que lle dan aos datos na televisión pública BBC.