DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha olimpíada organizada pola facultade viguesa

73 estudantes da ESO miden no campus os seus coñecementos sobre química

O xogador do RC Celta, Kevin Vázquez, alumno do centro, foi o encargado da entrega de premios

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Visitas
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 15/06/2022

Na recta final do curso académico, este mércores 73 estudantes de 3º e 4º da ESO de oito institutos da contorna gozaron dun día ben diferente no campus vigués. E fixérono para poñer a proba os seus coñecementos na I edición da Olimpíada de Química que organiza a facultade viguesa. Para iso, repartidos en equipos, participaron nunha xincana temática e tamén en varias probas científicas nos laboratorios do centro. 

Este evento, como explica a decana da Facultade de Química, Ángeles Peña, xurdiu para poder amosarlle ao alumnado que está a rematar a educación secundaria que a ciencia e, en particular, a Química “pode ser moi divertida” e, ao tempo, xerar vocacións científicas neste campo e dar a coñecer a facultade viguesa. Paralelamente, con esta iniciativa tamén se busca, como subliña a decana, “estimular competencias como o traballo en equipo e a xestión do tempo, favorecer a interacción entre estudantes de diferentes centros e estreitar a relación cos centros de ensino secundario, mostrándolles outros programas nos que participa a nosa facultade como o StemBach”, do que o este luns se entregaron os diplomas aos centros participantes. 

A xornada arrancou ao aire libre, cunha xincana de temática química con doce probas distribuídas nun circuíto polo monte e a contorna próxima ao edificio de Ciencias Experimentais, no que se localiza a Facultade de Química. Nesta competición, o alumnado tivo que demostrar as súas habilidades, tanto químicas como de lóxica e de traballo en equipo. Para facelo, traballaron distribuídos en 12 equipos compostos por estudantes de diferentes centros, xa que como explica a decana, a organización decidiu crear grupos mixtos con dous ou tres estudantes de cada instituto, “favorecendo así que as e os participantes se coñezan entre si e aprendan uns dos outros”.

Posteriormente a competición trasladouse aos laboratorios docentes da Facultade de Química, nos que os mozos e mozas realizaron de forma autónoma e nun laboratorio real “prácticas adaptadas á súa idade e coñecementos”, engade Peña.

Os premios, da man de Kevin Vázquez, xogador do RC Celta

Outro dos alicientes da xornada para estes 73 mozos e mozas foi a entrega de premios, xa que o encargado de realizala foi o xogador do Real Club Celta Kevin Vázquez, que compaxina a súa carreira deportiva cos estudos de grao na Facultade de Química. Ademais, todas e todos os participantes recibiron un diploma acreditativo da súa participación e, como agasallo, material da Facultade de Química.

Esta é a primeira edición da Olimpíada de Química e, segundo recoñece a decana da facultade, o balance é moi positivo e a resposta dos centros moi boa, o que se reflicte no importante número de mozos e mozas inscritos. Estes resultados fan pensar ao equipo decanal en poder darlle continuidade no tempo a unha actividade que buscar achegar o alumando de ensino medio á Universidade, amosarlles as aplicacións reais e prácticas da química e fomentar vocacións neste eido entre os futuros estudantes universitarios.