DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un informe de Red Localis presentado este mércores na Fegamp

O 96% dos concellos galegos conta cun portal de transparencia

O documento recolle a “evolución claramente positiva” dos entes locais

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 16/10/2019

A Red Localis, rede de administración local xestionada polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo, presentou este mércores en Santiago de Compostela o II Estudo sobre a situación dos portais de transparencia local en Galicia. Nel destácase como en 2019 a porcentaxe de concellos cun portal de transparencia sitúase no 96%.

O acto, que tivo lugar na sede da Fegamp, contou coa participación de Alberto Vaquero, co-director da Red Localis; Alfredo García, presidente da Fegamp; Natalia Prieto, directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa da Xunta, e Marta Fernández, directora xeral de Administración Local. Segundo explican desde Red Localis, o informe nace no marco do convenio de colaboración existente entre a Vicepresidencia da Xunta de Galicia, a Consellaría de Presidencia, Administración Pública e Xustiza, a Fegamp e a Universidade de Vigo en materia de transparencia no eido local.

Os datos

O informe, no que se fai comparativa cos datos de 2017, recolle entre as súas conclusións que en 2019 a porcentaxe de concellos cun portal de transparencia sitúase no 96%, polo que “só once concellos galegos non contan con este instrumento, polo que a evolución é claramente positiva”. En relación á accesibilidade para a procura da información, destácanse tamén “bos resultados”, indicando como este ano o 88% dos concellos galegos teñen na súa web un enlace ao portal de transparencia ou á sede electrónica, facilitando deste xeito un maior coñecemento á cidadanía en xeral. En relación á utilización das distintas plataformas de transparencia (propias, estatais, autonómicas ou provinciais) indican desde Red Localis como “en 2019 só un 4% dos concellos galegos non utiliza ningún portal de transparencia, un 68% usa un só, e un 28% utiliza dous portais”, destacando “o importante esforzo por implantar os portais de transparencia nos concellos das provincias de Ourense e Pontevedra”.

Segundo recolle o documento presentado este mércores, “o tamaño dos concellos condiciona os resultados” e as “grandes cidades contan todas cun portal de transparencia, pero a medida que descende o tamaño poboacional as porcentaxes van caendo”. Así, detállase, “os concellos de maior tamaño poboacional optan por un portal de transparencia propio (100% se a poboación é maior dos 50.000 habitantes) (en 2017 e 2019), e un 42% (en 2017) e un 54% (en 2019) se o concello se atopa entre os 20.001 e 50.000 habitantes, mentres que os pequenos só optan no 7% dos casos por un portal propio”.

Neste segundo informe tamén se analiza o cumprimento dos indicadores da Lei de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno de 2019, apuntando cuestións como que o 88,8% dos concellos galegos compren coa necesidade de publicar información relativa ás funcións que desenvolven, á normativa que lles sexa de aplicación e á súa estrutura organizativa (empregados públicos, titulares das alcaldías, etc). Outros aspectos sinalados nas conclusións do cumprimento desta lei son “unha reducida publicidade e actualización dos plans e programas anuais e plurianuais nos que se fixen os obxectivos concretos, así como as actividades, medios e tempo previsto para a súa consecución”. A porcentaxe media do grao de cumprimento, recolle o documento, é do 14,4%.