DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os talleres deberán ter un mínimo de 20 horas de docencia

Aberto ata mañá xoves o prazo de solicitude de axudas para a organización dos obradoiros do primeiro cuadrimestre

A convocatoria destinará un total de 10.500 € por campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Cultura
  • Medio Ambiente
  • Música
  • Teatro
  • Cultura
DUVI 08/07/2020

Fomentar o desenvolvemento sustentable, a vida saudable, a cultura, o deporte e o voluntariado son os fins prioritarios establecidos no artigo dous dos estatutos da Universidade de Vigo. Para conseguir isto, un dos instrumentos dos que dispón a Universidade é o seu programa de obradoiros, que lles permite aos membros da comunidade promover e organizar diferentes accións formativas.

É por iso que, aqueles que o desexen e sexan membros da comunidade universitaria, poderán solicitar ata mañá xoves 9 de xullo ás 23.59 h unha axuda para a organización dun máximo de tres obradoiros por persoa. Para facelo, a persoa solicitante, en calidade de coordinador ou coordinadora do obradoiro proposto, deberá acreditar relación coa temática do obradoiro que solicita e impartir un mínimo do 20% das horas do mesmo.

Creación e presentación das propostas

Para a creación e presentación dunha actividade, deberanse ter en conta diversos factores como a duración, que deberá ser dun mínimo de 20 h, ou o número de estudantes, que non poderá ser inferior a dez. En canto ao lugar de realización e ás normas de seguridade e distancia social, a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e e Extensión Universitaria remarca que se deben ter en conta as indicacións das autoridades sanitarias por mor da pandemia da covid-19. 

Cada proposta de obradoiro deberá, a maiores, remitir un programa que inclúa a temática, obxectivos, metodoloxía e recursos así como os procesos de avaliación do alumnado e as ferramentas imprescindibles que precisan as persoas matriculadas para desenvolvelo.

En canto ao financiamento, as propostas deberán incluír un orzamento de ingresos e gastos, facendo coincidir ambos e, quen o coordine, deberá levar a cabo todas as xestións necesarias para cobrar as subvencións externas á Universidade de Vigo se se da o caso. En total, destinarase a estas axudas un importe máximo de 10.500 € por campus.

Os obradoiros escolleranse baixo criterios de diversidade, calidade, viabilidade...

A persoa encargada da coordinación do obradoiro proposto deberá encher o modelo oficial de solicitude que se atopa na secretaría virtual da Universidade de Vigo e asinalo dixitalmente. A presentación do citado formulario será a través da sede electrónica da Universidade de Vigo a través da Instancia Xenérica (SXER) e deberá dirixirse á vicerreitoría do campus onde se vaia a celebrar o obradoiro. 

Unha vez presentada, a comisión de Extensión Universitaria e Estudantes avaliará todas as propostas recibidas e decidirá os obradoiros que se realizarán mediante criterios como a diversidade de ámbitos, a calidade e viabilidade das propostas a oportunidade e impacto das mesmas en función do contexto histórico, cultural, socioeconómico e de especialización de cada campus etc.

Redución dun 35% sobre o prezo da matrícula para os pertences á comunidade universitaria

O importe da matrícula para cada obradoiro será de 40 euros para o público en xeral. As persoas pertencentes á comunidade universitaria da Universidade de Vigo terán unha redución do 35% sobre o prezo da matrícula, que poderá ser extensiva a outros colectivos no caso de subscribirse os oportunos convenios.

A Universidade de Vigo expedirá un diploma oficial acreditativo da asistencia a cada participante que seguise polo menos un 85% das horas totais do obradoiro.