DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu unha actividade sobre o uso da literatura como ferramenta didáctica

Academia de lectores, academia de valores

O alumnado realizou un percorrido divulgativo por diferentes enclaves da contorna

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Académica
DUVI Ourense 25/11/2021

Academia de lectores, academia de valores é o título elixido para unha actividade celebrada esta semana na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense que tivo como obxectivo que “o alumnado percibise que os valores (entendidos como estima, aprecio, persoa ou obxecto que posúe calidade) debe ser o alicerce da educación”. Participaron na actividade un grupo de 18 persoas, maioritariamente estudantes de terceiro curso do Grao de Educación Primaria que están a cursar materias en lingua galega.

A iniciativa estivo financiada no marco das axudas da Vicerreitoría do Campus de Ourense para a organización de actividades extraacadémicas e de difusión cultural e organizada pola profesora Mar Fernández, do Departamento de Didácticas Aplicadas. A acción, comenta a súa responsable, quixo facer conscientes ás e aos futuros mestres que se forman na Facultade de Educación e Traballo Social de como na práctica docente “os valores poden empregarse como un guieiro didáctico”. Para acadalo, propúxose unha actividade que lle permitiu ás e aos participantes coñecer a contorna próxima do campus de Ourense usando como ferramenta docente oito obras de literatura infantil e xuvenil galega actuais “galardoadas e recoñecidas por crítica e público”. Igualmente, a iniciativa permitiu a aplicación práctica dun deseño de intervención para educar en valores creado pola egresada do centro Lucía España, que non puidera testar na práctica por causa das restricións sanitarias derivadas da pandemia, e que materializou no seu traballo fin de grao.

Percorrido pola contorna

A actividade estruturouse en dúas partes. A primeira, desenvolvida na propia Facultade de Educación e Traballo Social, consistiu nunha conferencia a cargo de Lucía España e Mar Fernández sobre valores, literatura infantil e xuvenil e a contorna próxima á luz dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030. No transcurso da conferencia tamén se presentaron as tres obras (Pioneiras 2, de Anaír Rodríguez; Somos os monstros, de Paula Carballeira, e Noé e Gato fan teatro, de Gloria Sánchez), elixidas para que o alumnado realizase actividades didácticas durante o roteiro, usando material creado ex profeso por Lucía España a partir das tres obras.

Tras a conferencia, as persoas participantes trasladáronse ao Paseo da Igualdade do propio campus para comezar un itinerario participativo por Ourense. Así por exemplo, nesa primeira parada, que xirou ao redor da obra Pioneiras 2, leron de forma individual a biografía ficcionalizada que lles correspondeu, cubriron una ficha didáctica de trazos definitorios da pioneira, probaron a xogar a quen é quen e coñeceron formas lúdicas para avaliar as tarefas desenvolvidas polo alumnado. Rematada esta actividade, o alumnado continuou a andaina pola cidade ata chegar á segunda parada do roteiro: o monumento aos heroes do cómic. Alí, cada participante tirou dous dados (un con personaxes da peza teatral Somos os monstros e outro con pictogramas que reproducen situacións cotiás asociadas aos valores da tolerancia, o respecto e a cooperación) que lles servirán para crear a posteriori unha historia propia, ideada por eles mesmos e que incorporarán nos traballos de aula das materias que cursan.

As e os participantes proseguiron a súa andaina por Ourense ata o Liceo, onde practicaron de xeito individual a lectura do acto I da peza teatral Noé e Gato fan teatro e posteriormente realizaron unha lectura dramatizada das acotacións e dos parlamentos dos oito personaxes, persoas e animais personificados, que se expresan na versión de Gloria Sánchez a partir dun conto popular portugués. Así mesmo xogaron por parellas a contestar preguntas referidas aos personaxes e situacións plasmadas nese acto. No propio Liceo, a actividade rematou co convite da súa organización ao alumnado para que prosiga o roteiro e escolla con total liberdade a orde na que continuará a súa andaina ata chegar a completar as seis paradas que lles restan por facer do percorrido didáctico deseñado por Lucía España, paradas nas que poderán realizar novas actividades a partir doutras tantas obras da literatura infantil e xuvenil galega e doutras literaturas.