DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun obradoiro que se celebrará o 12 de decembro na EU de Estudos Empresariais

Académicas e tecnólogas intercambiarán coñecementos para hackear o patriarcado

Ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0, promovida pola UVigo e a Deputación de Pontevedra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Investigación
Mª del Camen Echevarría DUVI 03/12/2019

Co obxectivo de analizar a escasa presenza de mulleres nos ámbitos STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics), tanto na universidade, coma no mercado laboral, así como as distintas manifestacións do denominado 'machismo dixital', a Escola Universitaria de Estudos Empresariais da Universidadde e Vigo acollerá o vindeiro día 12 de decembro un obradoiro organizado ao abeiro da Cátedra Feminismos 4.0, promovida pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra. Ao longo da xornada, con entrada libre ata completar o aforo, titulada Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado, as poñentes afondarán nas razóns e solucións a aplicar para enfrontar a desigualdade de xénero en detrimento das mulleres, que se rexistra nos ámbitos de estudo e de traballo STEM, e abordarán  desde unha perspectiva de xénero as expresións de machismo e misoxinia que se rexistran nos videoxogos, memes, wikicontidos, algoritmos ou mesmo a censura de determinadas partes do corpo das mulleres. 

Precisamente, a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Águeda Gómez, denunciou este mediodía no acto de presentación da xornada, na que participou xunto ao reitor da Universidade e a presidenta da Deputación de Pontevedra, que unha peza audiovisual da Unidade na que se amosaba o peito dunha muller sufriu recentemente nas redes unha censura, que non obstante, dixo, non se aplica a outros contidos dixitais claramente machistas. Manuel Reigosa, lamentou esta situación asegurando que “internet é noxentamente machista” e manifestou a súa preocupación ante mensaxes que aseguran que a igualdade está conseguida. “Non se poden admitir esas mensaxes que piden volver atrás e que algúns expresan sen rubor. Hai que ser obxectivos e loitar pola igualdade”, asegurou o reitor, que afirmou que a paridade aínda non está acadada, como confirman as cifras, mesmo nas institucións públicas, ao tempo que lamentou o descenso experimentado na última década no número de mulleres matriculadas en carreiras de enxeñaría. Pola súa banda, Carmela Silva foi máis aló cualificando de “arrepiantes” os datos que confirman que o 75% de persoas matriculadas en enxeñarías e arquitectura son homes, que conforman o 71% dos titulados. “Non se pode mirar cara outro lado porque o emprego de calidade está vinculado ás titulacións STEM”, asegurou a titular do organismo provincial, que gabou o traballo desenvolvido pola Universidade de Vigo, e moi especialmente polo seu reitor, para fomentar as vocacións femininas nos ámbitos STEM. 

Analizando o mundo dixital a través das lentes lilas

A sesión Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado comezará cunha intervención da catedrática de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da Facultade de Informática da UDC, Amparo Alonso Betanzos, á que seguirá un relatorio da docente e investigadora do Departamento de Didácticas Especiais da Universidade de Vigo, María Álvarez Lires. A xornada continuará cunha mesa redonda na que participarán a docente e investigadora da UVigo Amelia Verdejo Rodríguez; a comunicadora audiovisual de videoxogos e coordinadora de Protesto, o primeiro libro de gamestudies en castelán con perspectiva de xénero, Marina Amores (Blissy); a tradutora especializada en textos científico-técnicos e en localización de software e páxinas web, Mercedes Rodríguez García e a fundadora da empresa de vidoxogos Jellyworld, que promove a igualdade e cofundadora de Women in Game, que defende os dereitos e promove ás mulleres desenvolvedoras de videoxogos, Gisela Vaquero.

“Esta é unha xornada moi potente e o título de Hackear o patriarcado paréceme unha xenialidade”, dixo Carmela Silva, mentres que Águeda Gómez incidiu na necesidade de “poñer as lentes lilas para ver que pasa no mundo dixital”.