DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Hoxe remata o prazo para participar no programa de preincubación 

Aceleradoras sectoriais dos ámbitos da automoción, aeronáutico e alimentario colaboran por primeira vez cos premios Incuvi-Emprende 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Emprender
  • Premios
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI 25/10/2019

Tres aceleradoras de carácter sectorial especializadas nos ámbitos da automoción (BFAuto), aeronáutico e de vehículos non tripulados (BFAereo) e alimentario (BFFood) colaborarán por primeira cos premios Incuvi-Emprende. O programa de preincubación da Universidade de Vigo, ao que ata hoxe pode concorrer o alumnado matriculado na Universidade de Vigo en estudos de grao e mestrado no curso 2019/2020 e persoas tituladas en estudos oficiais da universidade no curso 2016/2017 e posteriores, incorpora nesta edición unha colaboración coas aceleradoras, coa conseguinte sectorización que implica “unha mellor adaptación ás necesidades dos proxectos e o mercado, ao tempo que se propician sinerxías máis ricas entre os proxectos participantes e entre estes e o resto de axentes do ecosistema emprendedor”, sinala Maruxa Álvarez, directora da Área de Emprego e Emprendemento.

Na súa oitava edición os premios Incuvi-Emprende seleccionarán un máximo de seis proxectos no caso de Vigo; tres no de Ourense e dous no de Pontevedra, elaborados individualmente ou en grupos dun máximo de catro persoas e que deberán estar relacionados con algunha das ramas de coñecemento das titulacións oficiais: artes e humanidades; ciencias; ciencias da saúde; ciencias sociais e xurídicas e enxeñaría e arquitectura. “As vantaxes que obteñen os beneficiarios son moitas, a máis tanxible é a posibilidade de recibir asesoramento e formación cara á validación das súas ideas, así como a de disfrutar dun espazo de traballo nunha incubadora localizada nos campus ou na súa contorna”, explica a directora da Área de Emprego e Emprendemento.

Ademais do apoio das aceleradoras sectoriais, o programa conta nesta edición co respaldo de Abanca, AEMPE, Autoridade Portuaria de Vigo, Banco Santander, Centro Tecnológico de Automoción de Galicia (CTAG), Cidade Universitaria de Vigo (CUSA), Concello de Vigo, Consorcio Zona Franca, PSA Peugeot Citröen, R, Tecnopole e Xunta de Galicia.

Fomento do espírito emprendedor 

Como en anos anteriores, esta edición dos premios Incuvi-Emprenden ten como obxectivo fomentar o espírito emprendedor entre o alumnado e as persoas recentemente tituladas pola Universidade de Vigo. As persoas responsables dos proxectos preseleccionados deberán asistir a un obradoiro presencial teórico-práctico orientado ao desenvolvemento do modelo de negocio das súas ideas, así como a preparación dunha presentación dos proxectos ante a comisión de selección, que valorará entre outros aspectos, o nivel de desenvolvemento e viabilidade cun 20%, o carácter innovador do proxecto cun 15% ou a sustentabilidade do proxecto deseñado, tamén cun 15%.  Desde a Área de Emprego e Emprendemento animan a o alumnado e as e aos egresados a participa nun programa “no que a maioría das persoas que foron galardoas con este premio ao longo das edicións anteriores, destacan o trampolín que lles supuxo no seu futuro profesional, haxan ou non seguido adiante coa súa idea de proxecto inicial”, afirma Maruxa Álvarez.

Os proxectos gañadores, aos que a Universidade destina un máximo de 12.000 euros, desenvolveranse en Cidade Universitaria, no campus de Vigo; na Tecnópole en Ourense e na Asociación de Empresarios Mediana y Pequeña Empresa en Pontevedra.