DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo salientou o reitor, nunha sesión virtual do Consello de Campus 

Achegarse á cidade, un dos retos de futuro da Universidade en Pontevedra

O edificio de Benito Corbal, probable primeira sede do grao en Deseño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Reitor
  • Saúde
  • Institucional
DUVI Pontevedra 15/10/2020

Os retos de futuro do campus pontevedrés, así como a situación na que se atopa en comparación cos outros seis campus galegos, centraron este xoves a intervención do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, na primeira sesión do Consello de Campus de Pontevedra do presente curso. Nunha xuntanza celebrada de xeito virtual por mor da situación sanitaria, Reigosa explicou que o futuro grao en Deseño “está seguindo seu camiño” de cara a conseguir a avaliación positiva por parte da Xunta de Galicia que permita a súa implantación o vindeiro curso e sinalou que “probablemente” terá que emprazarse “temporalmente” no antigo edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal. Non obstante, e aínda que “agora non é o momento de buscar cartos para o ladrillo”, Reigosa subliñou que o campus si precisa dunha “certa ampliación” que ao seu xuízo pasaría polos terreos da antiga Tafisa, que esta serviría ademais de “ligazón coa cidade”. 

“Creo que o futuro do campus de Pontevedra pasa por esa ampliación”, salientou Reigosa nunha sesión que se completou coas intervencións do vicerreitor do campus, Jorge Soto, da vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, e do vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez. “Do mesmo xeito que Belas Artes vese xa como unha facultade integrada na cidade, creo que hai un certo desvencellamento das titulacións que están do outro lado do río”, recoñeceu o reitor. Por outra banda, no referido ás obras de habilitación do espazo designado á Universidade no edificio de Benito Corbal, Reigosa recoñeceu que “distintos problemas burocráticos” non permitiron completalas ata o de agora.

Como retos de futuro do campus, o reitor sinalou tamén a busca de novos mestrados, un ámbito no que “podemos traballar bastante”, tendo en conta ademais que existen centros que non contan con titulacións de posgrao, a creación de PCEO (Programas Conxuntos de Educación Oficial) ou impulso de graos abertos. Reigosa sinalou así mesmo a necesidade de “insistir moito” no labor de captación de alumnado da Escola de Enxeñaría Forestal, tras destacar neste senso o labor do seu equipo directivo, e recoñeceu que, dado os requisitos fixados pola Xunta, no referido á acreditación do Campus Crea “parece que estamos máis lonxe do obxectivo final”, aínda que isto non debería interferir, ao seu xuízo, por buscar, nas futuras negociacións, novas titulacións “que teñen que ir nas liñas nas que o campus é moi potente”: 

O lugar de Pontevedra no SUG

O reitor abriu a súa intervención cunha “visión xeral” da situación na que, en diferentes ámbitos, se atopan os campus do Sistema Universitario de Galicia, que o levou a pór de relevo que Pontevedra é a provincia con menor número de titulacións en relación coa súa poboación. Esta, sinalou, conta con menos de catro graos por cada 100.000 habitantes, fronte aos sete da Coruña. Esta análise permitiu tamén ao reitor pór de relevo a capacidade de captación de alumnado como un dos “puntos fortes” do campus pontevedrés, ao igual súa “boa posición” no referido á distancia coa cidade e posibilidades de crecemento. Noutro lado, sinalou que ten unha “produción científica menor á que lle correspondería tanto por número de alumnos como de profesores”, aínda que recoñecendo que podería existir “unha certa disfunción que ten que ver co tipo de titulacións”. Do mesmo xeito, apuntou que se ben no campus existen grupos de investigación “con gran potencial”, non conta polo de agora con ningunha agrupación estratéxica. 

Datos de matrícula

Tanto o reitor como a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria deron conta dos datos provisionais de matrícula, que a falta da incorporación do alumnado que realizou a ABAU en setembro, amosan xa que Pontevedra “segue tendo unha taxa de ocupación altísima”. Concretamente, as facultades e escolas do campus contan con 757 estudantes de novo ingreso, o que supón un 106% das prazas ofertadas. No referido aos másters, onde o campus conta cunha “oferta pequena pero moi atractiva”, a falta do terceiro prazo de matrícula cubríronse 255 das 273 prazas ofertadas, o que supón unha taxa de ocupación do 93%.

Natalia Caparrini fixo tamén balance das actividades levadas a cabo desde a Área de Captación de Alumnado, á vez que informou das diferentes iniciativas previstas para os próximos meses. “Estamos readaptando toda a nosa programación”, explicou a vicerreitora, que incidiu en que varias das iniciativas previstas desenvolveranse de xeito virtual, como está acontecer tamén, explicou, na programación das áreas de Emprego e Emprendemento e Extensión Universitaria.

“Prevención temperá” fronte a pandemia

O vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, pola súa banda, abordou as principais actuacións acometidas nos últimos meses para facer fronte á situación xerada pola covid-19, como a habilitación de máis de 200 Aulas Integra nos tres campus. José Luis Míguez, lembrou tamén que a pasada semana realizáronse test masivos PRC sobre saliva a 2310 membros do persoal da institución académica, 324 correspondentes a Pontevedra. Do mesmo xeito, lembrou que se instalaron en 113 aulas dos campus un total de 5824 adhesivos con códigos QR para a identificación do alumnado, así como anteparos nas aulas de informática, no marco dunha aposta pola “prevención temperá”. En materia de infraestruturas, Míguez salientou que se traballa na monitorización dos paneis fotovoltáicos e informou do inicio dos traballos para instalar no campus un district heating de biomasa, que vai ser “un dos primeiros das universidades españolas”. 

“Bo comportamento da comunidade universitaria”

Tamén en materia de infraestruturas, o vicerreitor do campus deu conta das actuacións acometidas para mellorar a accesibilidade nos centros do campus ou da instalación dun sistema de extracción mecánica do aire no ximnasio do Pavillón Universitario. Jorge Soto puxo o acento así mesmo no labor que se está a realizar no marco do proxecto de especialización, a pesares de que non se puido conseguir a acreditación “por non cumprir o requisito da Xunta de ter un plan estratéxico realizado antes de 2017”, así como na “consolidación do novo modelo de gobernanza do Campus Crea”. De cara aos próximos meses, o vicerreitor salientou que se está a traballar no lanzamento dunha revista científica interdisciplinar e na creación dun “espazo natural de traballo a modo de horta ecolóxica”. Previamente, Soto abriu a súa intervención recoñecendo o labor realizado por Xosé Baamonde os últimos cinco anos á fronte da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que en novembro elixirá novo decano ou decana, e puxo de relevo “o bo comportamento ante a pandemia da comunidade universitaria”.