DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así se determina nunha tese na que se analiza esta figura de protección xurídica da infancia

O acollemento familiar en España está sometido a unha regulación excesiva e isto pode prexudicar o interese do menor

A fragmentación das leis xera conflitos entre as distintas administracións e retrasa as resolucións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 03/05/2021

En España a protección de menores está regulada por catro leis nacionais, unha quinta que vén en camiño, e dezasete normas autonómicas diferentes, unha regulación moi fragmentada e a todas luces excesiva. Así o considera o avogado Guillermo Iruegas Prada (Vigo, 1991), autor da tese de doutoramento Protección xurídica do menor. Especial referencia ao acollemento familiar de menores, un estudo no que se constata unha clara falta de seguridade xurídica arredor desta figura derivada, sobre todo, da indefinición de algúns conceptos e da excesiva fragmentación da súa regulación. “Ao non determinar a Constitución o titular da competencia, tanto as comunidades autónomas como a Administración do Estado atribuírona para elas  a través de distintos preceptos, o que xerou unha sobrerregulación a todas luces excesiva”, explica o autor da tese, ao tempo que salienta que toda esta fragmentación provoca conflitos entre as distintas administracións e retrasos nas tramitacións e nas resolucións, “o que prexudica os intereses dun menor en crecemento”.

Segundo datos facilitados recentemente pola Xunta de Galicia, a pandemia disparou no último ano case un 30% o número de menores que están baixo a súa tutela, así como a demanda de acollemento. En 2020 a cifra de menores tutelados pola administración autonómica ascendeu a 2383, 340 máis ca no ano anterior e, de todos eles, case a metade viven en réxime de acollemento familiar. Con este contexto de fondo cobran especial relevancia todas as cuestións relacionadas coa protección xurídica do menor, en especial á figura do acollemento familiar, unha ferramenta que segue a ser bastante descoñecida e que, en demasiadas ocasións, se confunde coa adopción, dirixidas ambas á protección do menor pero claramente diferentes: “o acollemento é unha figura temporal por definición, mentres que a adopción é irrevogable”, recalca Iruegas.

Evitar duplicidades e axilizar procesos redunda no beneficio do menor

A proposta que se formula na tese busca a axilización procesal no beneficio do menor, xa que, segundo salienta o autor, o lexislador demostrou ao longo dos anos unha pronunciada tendencia á monopolización do procedemento pola Administración que, na súa opinión, non evita que o caso poida terminar dirimíndose nos xulgados, xa que a resolución que declara o desamparo é susceptible de recurso en sede xudicial. “Polo tanto existe unha duplicidade de procedementos, cos conseguintes retrasos, tanto nas tramitacións como nas resolucións”, explica o autor.

Iruegas propón potenciar o papel dos órganos xudiciais na formalización do acollemento familiar, fronte a actual tendencia administrativista, así como prescindir do criterio cronolóxico para que o menor preste o seu consentimento na constitución do acollemento, a fin de que este consentimento sexa prestado polo menor non por razón da súa idade, senón da súa madurez.

Tres tipos de acollemento: temporal, de urxencia e permanente

Ao longo desta investigación tamén se analizou en profundidade a reforma lexislativa operada sobre esta figura xurídica no ano 2015, a maior que se realizou sobre o réxime protector do menor desde o ano 1996. Entre as novidades que incorporou ao ordenamento o autor destaca o novo mapa de acollemento familiar, que mantén a súa división en tres variedades, como sucedía anteriormente, pero con modificacións que van desde a súa denominación ata o seu contido. Determínanse tres tipos de acollemento familiar: temporal, de urxencia e permanente.

O autor da tese explica que, a grandes trazos, o acollemento temporal debe ter unha duración máxima de dous anos; o acollemento de urxencia non debe superar os seis meses e está concibido para os máis pequenos, menores de seis anos, e o permanente “mantén o seu deseño como unha sorte de caixón de xastre que cabe aplicar ao finalizar o prazo de dous anos de acollemento temporal por non ser posible a reintegración familiar do neno ou nena cando as súas circunstancias e as da súa familia así o aconsellen”, subliña o investigador. 

É necesario dar prioridade ao acollemento familiar sobre o residencial

Nas conclusións da investigación tamén se recolle a necesidade de priorizar o acollemento familiar sobre o acollemento residencial, “a última das medidas que debe adoptarse para protexer a un menor desamparado” e que se refire a cando o menor se atopa tutelado pola Administración nun centro de acollida; “de aí que resulte sorprendente que, tendo esta medida de carácter subsidiario, en España o número de acollementos residenciais sexa superior ao de acollementos familiares”, subliña Iruegas, quen, entre outras tarefas profesionais, exerceu como asesor no gabinete do vicepresidente da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Administracións Públicas, e colabora tamén como asesor legal da asociación de Mulleres en Igualdade de Vigo.