DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta semana arrancaron no Pavillón Universitario as actividades dirixidas para aboados

A actividade deportiva retorna ao campus

Con reserva previa e prazas limitadas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Pontevedra 08/10/2020

A crise provocada pola covid-19 non impediu que o inicio dun novo curso viñese acompañado do programa de actividades impulsadas desde a Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus pontevedrés. O abono MuVer, que permite tanto o acceso á sala de cardio-fitness do Pavillón Universitario como a participación nas actividades dirixidas que desde esta semana se desenvolven nestas instalacións constitúe un ano máis o piar central desta oferta deportiva. Con diferentes prezos segundo se trate de membros da comunidade universitaria, titulados e tituladas ou persoas alleas á institución académica, este abono pode adquirirse tanto para un cuadrimestre como para todo o ano, cuns prezos de 35 e 60 euros, respectivamente, no caso da comunidade universitaria.

Reserva previa na sala de cardio-fitness

Aínda que as instalacións deportivas dos tres campus reabriron as súas portas a comezos de setembro, no caso da sala de cardio-fitness do Pavillón Universitario foi preciso pechala de novo tres días para completar as obras, acometidas pola Vicerreitoría do campus, de instalación dun sistema de extracción mecánica que permite a renovación continua do aire, contribuíndo así a evitar posibles contaxios por aerosois. Desde a semana pasada, estas instalacións atópanse de novo operativas, mais cun aforo máximo de nove persoas. Isto motiva que os seus usuarios e usuarias deban realizar previamente, a través da plataforma Campus Activo, unha reserva das franxas horarias nas que desexan acudir. “Dentro do horario de apertura, que abrangue das 8.30 ás 22.00 horas, poden reservar un máximo de dúas franxas horarias ao día, pero a súa estancia máxima pode ser de hora e media”, explica o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus Gustavo Loureiro.

Retornan as actividades dirixidas

Ademais doutra serie de vantaxes, os usuarios e usuarias do abono MuVer poden participar, de xeito gratuíto, nas diferentes actividades dirixidas que, desde esta semana, se desenvolven no Pavillón Universitario. Trátase de pilates, ciclo indoor, o adestramento interválico hiit e running; as tres primeiras, propostas xa consolidadas na oferta deportiva do campus e que “están funcionando moi ben” neste reinicio e, a última, unha nova opción que a área impulsara para o segundo cuadrimestre do pasado curso. “Practicamente, no seu puido levar a cabo”, recoñece Loureiro, dunha actividade na que os usuarios e usuarias saen a correr, en pequenos grupos, aproveitando a contorna natural que rodea ao Pavillón Universitario. 

Cunha capacidade máxima tamén para nove persoas, esta serie de actividades dirixidas requiren tamén de reserva previa en Campus Activo, ao igual que adestramento personalizado, no que “grupos de máximo cinco persoas , realizarán un traballo moi específico e esixente”, explica Loureiro.

Desde a Área de Benestar Saúde e Deporte prevén tamén que nas próximas semanas poidan retomarse nos campus os servizos de medicina deportiva e fisioterapia, unha vez completado o acondicionamento do espazo no que se levan a cabo na Escola de Enxeñaría Forestal. Así mesmo, explica Loureiro, polo de agora non está permitido o acceso aos vestiarios do pavillón, “algo que prevemos que poida realizarse xa a vindeira semana”. Por outra banda, mantéñense na oferta de opcións da Área de Benestar, Saúde e Deporte área os centros deportivos colaboradores, que ofrecen condicións vantaxosas á comunidade universitaria no acceso ás súas instalacións e actividades, dos que forman parte en Pontevedra os ximnasios Ardeas, Budo, e o centro deportivo BeOne de Campolongo.