DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con ela pecharase a programación deste ano do ciclo Conversas

O adestrador Félix Fernández Cao ofrecerá unha conferencia sobre xestión de equipos de alto rendemento

O acto poderá seguirse de xeito presencial ou en UVigo TV

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Divulgación
  • Académica
DUVI Ourense 09/06/2021

Entre as iniciativas do programa de mentorización Meta que este curso académico se implantou na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense está un ciclo de conferencias chamado Conversas. A iniciativa pecha este xoves a súa programación do curso académico 2020/2021 cunha conferencia do ourensán Félix Fernández Cao, que falará da súa traxectoria internacional como preparador físico e adestrador en equipos de fútbol de elite da superliga chinesa ou da Premier League, da xestión de equipos de alto rendemento e da motivación.

Félix Fernández Cao, explican desde a organización da actividade, “é un ourensán (1983) que cruzou fronteiras para exercer unha brillante carreira como preparador físico e adestrador en equipos de fútbol de elite. Estudou INEF en Pontevedra, un ciclo superior de adestrador de fútbol e completou a súa formación con varios mestrados relacionados co seu ámbito. Paralelamente, formou parte dun grupo de investigación universitario”. En 2015, indican, chegou ao fútbol chinés como adestrador físico e adestrador axudante do Wuhan Zall FC. Posteriormente deu o salto á Superliga chinesa con Hebei Fortune iniciando así a súa relación profesional co adestrador chileno Manuel Pellegrini. “Dende entón forma parte do seu equipo técnico como preparador físico, o que o levou á Premier League co West Ham United, e na tempada actual ao Real Betis Balompié”.

A conferencia terá lugar o día 10 de xuño ás 19.30 horas e pode seguirse de xeito presencial na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, con reserva de entrada (prazas limitadas), ou de xeito virtual, en directo a través de UVigo TV. Na súa intervención, Fernández Cao estará acompañado por Julio Vila, socio director de Asesores Vila Castro e antigo alumno da facultade.

Balance positivo

A sesión forma parte do proxecto Meta. Mentores de Empresariais e Turismo de Ourense, unha iniciativa de aprendizaxe personalizada no que un mentor (directivo) comparte o seu tempo e coñecementos para que un mentorizado (estudante) descubra novas perspectivas que lle axuden a progresar cara as súas metas futuras. O equipo de Meta, que conta co apoio de Ecobas, está coordinado polo profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense Ernesto López-Valeiras e composto por un grupo de mentores, directivos da contorna empresarial implicados no programa a título persoal. Alén do traballo de mentorización individual, este curso académico Meta puxo en marcha este ciclo de conferencias na que baixo o título Conversas persoas do ámbito académico comparten escenario con profesionais, directivos, empresarios, emprendedores e outros axentes sociais, abordando con carácter divulgativo temas de interese xeral relacionados co mundo da empresa e a súa relación coa sociedade e o medio ambiente.

Entre os relatores que xa participaron neste ciclo estiveron o chef Pepe Solla, o comunicador Luis Fraga e o emprendedor Hassan Ahmed e na organización de cada sesión participa un mentor e un mentorizado. “Este curso académico tivemos cinco Conversas e a súa acollida superou as nosas expectativas. Por sorte, puidemos facer algunhas presenciais, e sempre se cubriron as prazas dispoñibles, limitadas polo protocolo covid. A retransmisión a través do Campus Remoto e UVigo TV permitiu que chegase a un gran número de persoas”, explica Ernesto López-Valeiras. O formato deste ciclo, combinando as perspectivas académicas e profesionais, subliña o docente, “é un formato que contribúe a divulgar a investigación científica facilitando que cheguen os resultados á sociedade”. Á hora de valorar os bos resultados acadados, desde os responsables da iniciativa tamén destacan o feito de que “a organización das conversas contou coa colaboración de distintos estamentos da UVigo, así como de institucións e empresas privadas”.