DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O evento será en formato virtual o vindeiro mércores 28 de xullo

AidFork organiza unha xornada sobre identidade dixital e ciberseguridade

Abordaranse temas como a privacidade e a autenticación de datos en contornas dixitais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • TIC
  • Investigación
DUVI 26/07/2021

AidFork, a iniciativa de análise forense do centro atlanTTic da Universidade de Vigo, organizou para este mércores día 28 un seminario en liña aberto ao público no que afondar en diferentes temáticas relacionadas coa identidade dixital, a privacidade e a seguridade da información. Digital Identity, Data Privacy & Authentication: A multifaceted overview é o nome deste seminario web que reunirá ás diferentes partes interesadas da industria, do ámbito académico e do ámbito gubernamental que desempeñan un papel clave na transformación dixital. 

Detrás da organización deste seminario está o Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, integrado en atlanTTic, e responsable tamén de AidFork. O obxectivo deste evento é amosar a necesidade de establecer colaboracións e xerar diálogo arredor da importancia de confiar na tecnoloxía multimedia.

Mesa redonda con tres expertos de prestixio

A xornada contará cunha mesa redonda aberta, que dará comezo ás 18 horas, na que participarán tres expertos con ampla traxectoria no ámbito da privacidade e da seguridade. Patricia Argerey Vilar, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN) será a encargada de introducir aos poñentes da mesa, que enfocarán os temas desde diferentes perspectivas.

Fernando Pérez-González, catedrático do Departamento de Teoría do Sinal da Universidade de Vigo e líder do grupo GPSC de atlanTTic, abordará estas cuestións desde un punta de vista académico e de transferencia de coñecemento e tecnoloxía. Por outra banda, Frederic Ly, responsable no sur de Europa da empresa norteamericana Jumio, especializada en autenticación e verificación de identidade, con máis de 20 anos de experiencia na construción de estratexias e crecemento para tecnoloxía locais e internacionais, ofrecerá a perspectiva de liderado na industria dixital.

Leonardo Cervera Navas, director da European Data Protection Supervisor (EDPS), a autoridade de protección de datos da Unión Europea que leva traballando varias décadas no ámbito da protección de datos nas institucións da Unión Europea, será outro dos invitados da mesa redonda. Cervera é responsable de asesorar sobre lexislación e política de protección de datos, así como da coordinación e aplicación das estratexias e políticas da institución, e encargarase de aportar un enfoque institucional.

Máis información sobre a xornada, que se poderá seguir en streaming, e sobre o rexistro gratuíto na páxina web de AidFork.