DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con pouco máis dun cento de páxinas, o libro está editado polo Servizo de Publicacións da UVigo

Albino Prada trae ao galego o relato, “case cinematográfico”, da vida de Rosendo Salvado en Australia

Deixa en ‘mera anécdota’ o seu suposto papel co eucalipto e saca á luz unha figura “irrepetible"

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
D. Besadío DUVI 25/11/2022

“O empeño de Rosendo na Australia de 1850-1900 fai del un dos galegos dos que máis orgullosos sentírmonos polo mundo fóra; dos que na miña humilde opinión máis prestixio nos dan”. Así retrata o profesor e economista Albino Prada ao monxe tudense Rosendo Salvado, “un xigante” que dedicou a súa vida a demostrar que os aborixes australianos eran “tan humanos como os europeos”. Son parte das reflexións que o investigador de Ecobas recolle no libro O país dos sen alma, editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo e que constitúe a primeira edición en galego dunha obra previa publicada en castelán polo xornal La Voz de Galicia en 2014, cando se cumprían douscentos anos do nacemento deste singular “beneditino, abade e bispo” que dedicou a súa vida a demostrar que aqueles supostos salvaxes eran en realidade pobos cunha cultura milenaria perfectamente adaptada ao seu territorio, “que eran capaces de asimilar a cultura occidental (idioma, lectura, música, tecnoloxía…) e que podían ser hábiles agricultores ou gandeiros nas súas terras”.

Case dez anos despois desa primeira edición en castelán chega agora a versión en galego, enriquecida neste caso cun longo epílogo (“máis ensaístico e menos biográfico”), co obxectivo final de chegar a calquera parte do mundo en formato dixital e deixando a porta aberta a un futuro acceso aberto grazas á acollida que lle dá o Servizo de Publicacións da UVigo.

Unha crónica "breve e atractiva" para os lectores contemporáneos

A obra céntrase en dar a coñecer aos lectores contemporáneos os múltiples aspectos humanos, culturais e sociais da vida de Rosendo Salvado en Australia, un personaxe cunha historia que, tal e como lembra Prada no libro, quedou lamentablemente asociada ao feito de ser o monxe que trouxo os primeiros eucaliptos australianos a Galicia, unha “mera anécdota” que provocou que esta figura “leve dous séculos baixo unha xigantesca montaña de ramas e follas de eucalipto”, cando “é obvio que o noso personaxe non pode ser responsable do abuso que máis tarde se fixese de tal especie”, recalca Prada.

O interese de Prada en documentar e divulgar o empeño vital de Rosendo Salvado en Australia tivo dúas causas de fondo. A primeira “aboiar un relato que deixase como anécdota moi secundaria o seu sonado e suposto papel co eucalipto, á vista de outros excepcionais feitos de longo alento dos que foi protagonista”.  A segunda, tal e como el mesmo recoñece, facelo nunha crónica breve –un cento de páxinas- que puidese ser atractiva para o lector potencial, e facelo reflexivamente, “con total independencia intelectual”.

“Tiña que ser unha crónica escrita case de xeito cinematográfico pois non casualmente Rosendo se preocupou de que o seu irmán, Santos Salvado, fotografase os feitos que protagonizaron aló pola segunda metade do século XIX”, recalca Prada, quen tamén ten claro que, noutros países, esta crónica e estes feitos, xa se terían concretado doadamente en varias horas de ficción audiovisual (“hai bos exemplos con moita menos materia prima histórica”).

“Culto e cosmopolita”, Salvado deixou unha pegada premonitoria: “outra globalización era posible”

No relato dos feitos, cualificados como “maiúsculos”, o economista da UVigo resume a historia de Salvado en tres momentos, aos que denomina “o do contacto, o do arca do diluvio e o do recoñecemento”. O movemento contacto leva ao lector ao intre da chegada do monxe tudense ás terras dos aborixes australianos, “e aquí empeza a súa grandeza humana”, pois dende o primeiro intre, tal e como retrata Prada no libro, rachou coa teima do supremacismo e submisión que dominaba na Australia do seu tempo. “Rosendo recoñeceu unha cultura non baseada na propiedade das nosas latitudes, profundamente respectuosa co medio natural”.

O segundo gran intre, o da arca do diluvio, retrata o complexo social de Nova Nursia que levantou en Australia, “un arca ou nave de refuxio fronte a un xigantesco cataclismo social que os vai expropiar da súa base alimentaria e de vida”. Para chegar a bo porto con esta tarefa, Salvado tivo que gañarse a complicidade das autoridades protestantes da colonia e, ao mesmo tempo, como se lembra neste monográfico, superar as dificultades que tanto os bispos católicos daquela diocese de Australia Occidental como as autoridades de Roma lle foron pondo polo camiño. Isto obrigouno, no que Prada denomina como momento recoñecemento, a realizar múltiples travesías oceánicas.

 “O seu cosmopolitismo global, o ser un políglota moi culto, as súas relacións institucionais, todo isto e máis púxoo ao servizo da súa Nova Nursia”, unha misión que o economista vigués cualifica como “unha balsa no medio dun xigantesco naufraxio”. Así ve Prada a andaina de Rosendo Salvado, “un cosmopolita e culto tudense que deixou unha pegada premonitoria e aínda actual para este século XXI: que outra globalización era posible”.