DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dous paneis localizan os puntos con afloramentos únicos en Galicia 

Albita e anfibolitas que poñen en valor o patrimonio xeolóxico do campus

Sitúanse na contorna dos edificios de Xerencia e Deportes

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 06/07/2018

Ao recoñecemento e divulgación que do seu patrimonio arquitectónico e natural fai o campus de Vigo, súmase a partir de agora o dos seus valores xeolóxicos. E é que a área na que se asenta o campus vigués é considerada “como un punto excepcional para a observación dun patrimonio xeolóxico singular da provincia de Pontevedra”, asegura Jose Bienvenido Díez profesor do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da Universidade de Vigo, en relación cun campus xeoloxicamente formado principalmente por gneises de diferente tipo, orixinados a partir de sedimentos e rochas previas do intervalo Precámbrico-Carbonífero.

Coa participación da vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, e do propio Díez, este mediodía procedeuse a descubrir dous paneis explicativos localizados, un, na contorna do edificio de Xerencia e, outro, nas inmediacións das instalacións deportivas. “Realmente son uns afloramentos únicos aquí en Galicia e témolos precisamente no campus. O seu valor é indubidable e este é un xeito de difundir o noso patrimonio xeolóxico nun tempo no que todas as ciencias da Terra son pouco apreciadas e son temas bonitos, que están aquí e que se poden ver e cómpre potencialos”, sinala Caparrini. 

Esta iniciativa ten a súa orixe na celebración o ano 2016 do Xeolodía no campus vigués. Daquela, as e os participantes tiveron ocasión, da man de docentes universitarios, de achegarse aos puntos que deste hoxe están sinalizados e que foron obxecto de estudo na tese de doutoramento do, na actualidade, profesor do Departamento de Geodinámica de la Universidad Complutense de Madrid Rubén Díez, que centrou a súa investigación no macizo galego e de quen partiu a idea de desenvolver o Xeolodía na contorna do campus.

Paragneises con albita, anfibolitas e ortogneises

Elixidas pola súa visibilidade e fácil acceso, as formacións xeolóxicas que protagonizan os paneis informativos, desenvolvidos e instalados coa colaboración do persoal da Oficina de Medio Ambiente e da unidade de Xardinería do campus, “son representativas do substrato xeolóxico de toda a área circundante á Universidade. Son formacións presentes en todo o espazo de Lagoas-Marcosende que se prolongan ata a Serra do Galiñeiro”, explica o docente do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio, que sinala que cada panel representa un mapa xeolóxico que presenta a distribución dos afloramentos destas formacións.

O panel localizado nas inmediacións do edificio de Xerencia describe rochas metamórficas denominadas paragneises, que son o resultado da transformación metamórfica das rochas sedimentarias debido a unha presión e unha temperatura moi superiores ás existentes na superficie da Terra, onde se depositaron orixinariamente. “Orixinalmente estas rochas eran sedimentos inmaturos depositados hai uns 560 millóns de anos (Precámbrico), na marxe norte do continente de Gondwana”, explica Díez.

Pola súa banda, o panel situado na contorna das instalacións deportivas céntrase en dúas rochas de orixe ígnea, con cores máis claras aparecen ortogneises calco-alcalinos e con tons máis escuros corpos lenticulares de anfibolitas. “Os ortogneises proceden da deformación de granitos do Cámbrico (500-485 millóns de anos), mentres que as anfibolitas representan diques de basalto que avanzaron polas fracturas existentes nos granitos e tamén nos sedimentos hai 480-470 millóns de anos”, sinala o docente e investigador.

Próximas actuacións 

Ademais de solicitar respecto polos afloramentos, dos que non se deben retirar mostras, nin ensuciar, así como a súa difusión entre o profesorado dos colexios como apoio a súa docencia en Xeoloxía e entre o público interesado pola natureza, Díez avanza a posibilidade de colocar máis paneis explicativos no campus. “Un deles sería sobre un tipo de rocha da que se falara no Xeolodía de 2016, pero que debido a súa mala localización non se pode habilitar para a súa visita, polo que estamos a buscar un bo afloramento noutra parte do campus, mentres que outro panel amosaría o corte xeolóxico da Serra do Galiñeiro”.