DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con estes fondos a spin-off da UVigo dotarase de maiores capacidades para fabricar nanosatélites

Alén Space capta un investimento de un millón de euros de BeAble Capital e do CDTI

Para Guillermo Lamelas “é a culminación dun proceso de construción da empresa”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Investigación
Mº del Carmen Echevarría DUVI 13/12/2019

A spin-off da Universidade de Vigo Alén Space captou un investimento de un millón de euros de BeAble Capital, o primeiro e único fondo de alta tecnoloxía industrial privado e independente de España, especializado nos sectores da nanotecnoloxía, fotónica e novos materiais, e do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI). Estes fondos permitirán á empresa viguesa acelerar a comercialización das súas solucións, acceder a novos mercados, desenvolver nova tecnoloxía e produtos para fortalecer a súa diferenciación e dotarse de maiores capacidades para a fabricación de pequenos satélites, que permitan absorber o forte crecemento previsto no sector espacial.

“Para nós supón un recoñecemento claro ao potencial do proxecto, ao equipo e á tecnoloxía que hai detrás del. Supón sobre todo a culminación dun proceso de construción de empresa que comezou na Universidade de Vigo da man do Programa Ignicia de GAIN e que agora nos coloca como unha empresa cun equipo incrible de 14 persoas co financiamento necesario para executar un ambicioso plan de negocio co que derrubar as barreiras de acceso ao espazo”, explica Guillermo Lamelas, director executivo de Alén Space sobre a decisión de BeAble de entrar no capital da spin-off viguesa cunha ronda de investimento de un millón de euros, onde participa o CDTI, coa iniciativa de coinvestimento impulsado a través de Innvierte Economía Sostible e BeAble Capital como investidor principal.

Unha década de traballo no desenvolvemento de pequenos satélites 

Herdeiros do traballo desenvolvido dende hai máis dunha década pola Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo, impulsada polo docente e investigador Fernando Aguado, e que foi a responsable do deseño e construción dos cubesat Xatcobeo, o primeiro nanosatélite español da historia; así como de Serpens, en colaboración coa Agencia Espacial Brasileira e de Humsat coa Axencia Espacial Europea, Alen Space céntrase en achegar servizos de consultoría, deseño, fabricación e operación de pequenos satélites, ao tempo que ofrece solucións ‘chave en man’ para o desenvolvemento de negocios no espazo.

“Os investidores demostraron desde o principio un entendemento moi claro do camiño que queríamos seguir e das grandes ferramentas con que contamos para camiñalo. Isto, unido a súa predisposición a arremangarse e apoiar onde faga falta, convenceunos de que eran os socios ideais para esta nova etapa de Alén Space”, sinala o director executivo de Alén Space, que contou no seu día para o seu nacemento co financiamento e apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN), a través do programa Ignicia, acelerado por VíaGalicia.