Están a desenvolver un prototipo de baixo custo
Alumnado de Aeroespacial traballa no deseño dun kart eléctrico para competición
A través da asociación Ziptie Motorsport aspiran a estrearse nunha competición en Viena
Un equipo formado por alumnado da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense está a desenvolver un proxecto centrado na construción dun kart eléctrico competitivo de baixo custo. A través da asociación Ziptie Motorsport aspiran a estrearse en outubro nunha competición en Viena.
O equipo está formado por catro alumnos de segundo curso do Grao de Enxeñaría Aeroespacial da Universidade de Vigo, como son Nicolás Outón, José Luis Penide, Carlos Vázquez e Pablo Álvaro Froiz, e complétao Guillermo Penide, do IES Sánchez Cantón. “A idea xurdiu inicialmente como unha proposta entre un grupo de amigos para construír un kart eléctrico co menor orzamento posible e sacarlle o maior potencial posible. Co tempo, o proxecto medrou en complexidade e retos, o que nos levou a constituírnos oficialmente como a asociación xuvenil Ziptie Motorsport”, explican os estudantes.
O proxecto consiste no deseño e construción dun kart eléctrico. “Comezamos en febreiro deste ano e rematamos a primeira versión no verán”, detallan. Neste tempo decidiron presentar a súa candidatura “como primeiro equipo internacional no concurso Zero Emission Challenge de Viena, que se celebrará o 21 e 22 de outubro”, polo que foi preciso actualizar o vehículo á normativa oficial. “Isto incluíu adaptar unha batería de menor voltaxe e implementar medidas de seguridade activas e pasivas máis estritas”. Así, comentan desde o equipo, “actualmente, a segunda versión do kart está case rematada, á falta de implementar algúns sistemas, fabricar a nova batería e resolver vellos problemas técnicos”. Ademais afrontan o reto loxístico de transportar o kart e a súa batería (ao considerarse mercadoría perigosa) a través de empresas especializadas.
Abordando unha ampla variedade de disciplinas
O prototipo de kart eléctrico de Ziptie Motorsport “integra unha ampla variedade de disciplinas técnicas”. Segundo detallan os seus responsables, conta cun chasis orixinal de kart de aluguer (modificado mediante corte con amoladora e soldadura de arco para albergar o novo sistema de propulsión eléctrica no canto do de combustión) e un motor de 3 kW de potencia de serie, modificado ata acadar aproximadamente 15 kW de potencia pico teórica mediante refrixeración líquida. Tamén conta cunha batería de alta descarga e capacidade cunha potencia teórica de 18 kW e un controlador electrónico de velocidade de alta intensidade de corrente para o motor, batería auxiliar con interruptores para a bomba de aceite (usada como refrixerante para o motor), luz de freo e sistemas de seguridade. Ademais, o modelo inclúe pezas de deseño propio en CAD e impresas en 3D, panel de control de fabricación propia e deseño, corte e decoración dos elementos do chasis.
A iniciativa permite ao alumnado enriquecerse da experiencia formativa que supón desenvolver un proxecto integral deste tipo, de proba e innovación tecnolóxica. Porén, comenta o equipo, “a través de Ziptie Motorsport buscamos tamén fomentar o interese da mocidade pola ciencia e a tecnoloxía (disciplinas STEM), promover a aprendizaxe práctica e impulsar o traballo en equipo entre estudantes, centros educativos e empresas”.
Para afrontar os custos loxísticos e de desenvolvemento, os estudantes constituíron a asociación e lanzaron unha campaña de 'crowdfunding' para doazóns persoais, que se suma ao apoio doutras entidades, contando co apoio institucional de institucións como o Concello de Ourense con ECO Auriense e a colaboración de diferentes empresas.
Este venres, día 4 de setembro, ás 13.15 h, Ziptie Motorsport celebrará unha exhibición do seu kart na Praza Maior de Ourense dirixida ao público interesado e a medios de comunicación.
