DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Residencia de creadores emerxentes que se desenvolve en Bergondo

O alumnado de Belas Artes leva as súas creacións a interactuar con diferentes disciplinas

A iniciativa reúne 28 estudantes das tres universidades e dos conservatorios de Vigo e A Coruña

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 20/06/2019

Arte, natureza e territorio son os eixos temáticos da II Residencia de creadores emerxentes Interaccións Artísticas en Galicia, que nestes días reúne 28 estudantes das tres universidades galegas e dos conservatorios superiores de música de Vigo e A Coruña no Pazo de Mariñán, en Bergondo, nun encontro que busca abordar o proceso creativo contemporáneo desde a reflexión teórica, a materialización de propostas e a colaboración entre distintas disciplinas. A iniciativa enmárcase no convenio asinado entre as tres universidades galegas, a Real Academia Galega de Belas Artes e os conservatorios, que a organizan coa colaboración da Deputación da Coruña. Nesta residencia participan seis estudantes de posgrao da Facultade de Belas Artes, que ademais de expor no pazo unha serie de obras, desenvolven propostas artísticas nas que buscan sumar a interacción con estudantes de disciplinas como arquitectura, danza e expresión corporal, música e didáctica.

O obxectivo deste encontro “é que artistas emerxentes se coñezan entre eles e que poidan xurdir proxectos conxuntos”, explica o profesor emérito da Facultade de Belas Artes Juan Fernando de Laiglesia, coordinador desta residencia xunto con Vicente Blanco, da USC, e Roberto Suárez, da UDC. Trala inauguración celebrada na tarde do mércores, o desenvolvemento dos proxectos combínase neste encontro con talleres, coloquios con artistas e concertos.

Obras espalladas polo pazo

Belas Artes, que en 2018 xa participara na primeira edición desta residencia baixo a coordinación da profesora Anne Heyvaert, sumou desta volta á residencia unha exposición integrada por unha serie de obras previamente desenvolvidas e vinculadas aos eixos temáticos desta edición. Trátas dunha exposición definida por un formato "moi dinámico e curto no tempo", como recoñece De Laiglesia, na que as obras se presentan en diferentes espazos do pazo. 

Neles poden verse propostas como a adaptación que a alumna Andrea Torres realizou da súa peza 1026. Ante la situación de los refugiados, na que formula unha crítica a unha “realidade do noso territorio actual” como é o drama dos refuxiados a través das “representacións de paxaros mortos en escaiola que actúan como metáfora”. Alejandra Lago achegou pola súa banda dúas pezas realizadas con materiais téxtiles, “que polos seus orixes e características nos conectan co mundo natural”, trasladando unha delas, na que representa unha crisálida, á lareira do pazo. Román Corbato presentou tres vídeos enmarcados nunha liña de investigación "centrada na paisaxe e o territorio e a súa conexión coa idea de lugar", mentres que Marijo Sampedro achegou tres esculturas caracterizadas polo uso de elementos téxtiles coas que propón un diálogo coas ideas de natureza, territorio e corpo. Por outra banda, Rocío Osorio propuxo internarse no “destacable xardín de estilo francés” do Pazo de Mariñán “desafiando” a propia “rede de paseos internos” que o define, á vez que Alexandra R. Rey presentou a instalación Cartografías, na que propón un diálogo entre o territorio e o propio corpo, no que “as porosidades do noso corpo se converten en montañas, en liñas que orixinan novos territorios”.

Propostas que buscan a interacción

Entre estes xoves e este sábado, estes seis estudantes de posgrao desenvolven tamén unha serie de proxectos concibidos como “un punto de partida para dialogar co resto de participantes”, como explica Lago, quen propón a construción dun mapa con madeira e fíos baseado nas antigas cartas de navegación e recoñece que “traballar con compañeiros doutras disciplinas debería ser algo máis habitual”. Corbato, que destaca "o interesante e enriquecedor de compartir experiencias con outros creadores de diferentes disciplinas", formula pola súa banda "unha serie de accións que teñen que ver co uso do corpo e o camiñar como instrumento de medida en relación ao espazo arquitectónico e paisaxístico do Pazo de Mariñán". A interacción tanto con outras disciplinas como "interxeneracional" que supón esta residencia é tamén destacada por Sampedro, que proxecta realizar unha gravación de accións de videodanza. Andrea Torres propón unha "crítica ao androcentrismo" mediante a realización dunha  serie de moldes de fragmentos corporais dos e as participantes que interactuarán cos xardíns do pazo, espazo que será tamén o eixo da proposta de Osorio. “Calquera actividade que busque a interacción entre as diferentes disciplinas artísticas paréceme moi enriquecedora”, salienta esta alumna sobre unha iniciativa que permite “explorar outras maneiras de pensar arredor dunha proposta”. 

"A importancia da rede que se xera neste tipo de convivencias marca unha diferencia na nosa acción social como creadores”, engade Rey sobre un encontro ao que chegaron con propostas que “mutan e se transforman para unificar as disciplinas e as persoas que as aplican”, no seu caso, dar forma a unha instalación a partires de teas de diferentes texturas. Propostas que se verán marcadas todas elas polo “risco do presente”, como apunta De Laiglesia, e das realizarán un rexistro co propósito de que as creacións que vaian xurdindo nestes días poidan quedar plasmadas nun catálogo.