DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do programa da Xunta 'A que xogas? Coñece as normas. Ti decides'

Alumnado do campus infórmase sobre a prevención de consumo de substancias aditivas

O Edificio de Ferro acolleu este venres un posto informativo desta iniciativa

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Saúde
  • Institucional
DUVI Ourense 11/12/2020

As actividades do programa de prevención de consumo de substancias aditivas A que xogas? Coñece as normas. Ti decides chegaron este venres ao campus de Ourense no seu percorrido polas universidades galegas. Nun posto ubicado no Edificio de Ferro, o alumnado puido recibir “información veraz e contrastada sobre substancias aditivas, co obxectivo de aumentar a percepción do risco que conleva o seu consumo”, segundo indican desde a súa organización. O programa está promocionado polo Servizo Galego de Saúde, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, e xestionado pola entidade Marexada Deporte, Lecer e Cultura. Antes de chegar ao campus de Ourense, os seus postos estiveron nos campus de Vigo e Pontevedra, contando a iniciativa co apoio da Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da UVigo. No stand, o alumnado interesado puido ver diferentes paneis informativos sobre adiccións, participar en diversas actividades socioeducativas dirixidas por dous técnicos responsables do programa e realizar unha enquisa anónima sobre o consumo de substancias. Ademais, as persoas interesadas tiveron á súa disposición folletos informativos sobre substancias aditivas e sobre prevención de conductas sexuais de risco.