DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes de tres titulacións realizaron o anuncio promocional do festival

O alumnado do campus promociona o Surfing the Lérez desde un futuro apocalíptico

Será presentado esta tarde na Casa das Campás

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 11/06/2018

Ambientado nun futuro apocalíptico, o anuncio promocional do festival Surfing the Lérez, que 13 ao 16 de xuño se desenvolve na Illa das Esculturas, é o resultado dun proceso de traballo colectivo de cinco estudantes dos graos en Belas Artes, Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual, que desenvolveron conxuntamente a peza audiovisual que este luns ás 20.00 horas preséntase na Casa das Campás. Jorge Blanco, Carmen Quintáns e André Anta, estudantes da Facultade de Belas Artes; xunto con Jorge Asensi e Iago Seoane, alumnos dos graos en Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual, respectivamente, son os cinco autores e autoras dun anuncio que se enmarca na colaboración que, por cuarto ano consecutivo, a Vicerreitoría do campus mantén co Surfing the Lérez.

“Neste caso concreto, propúxose unha experiencia piloto na que o alumnado experimentase unha situación laboral concerta, a dun cliente que encarga a unha empresa a elaboración dun spot publicitario do seu produto”, salienta o programador Suso Novás, coordinador dunha iniciativa na que o alumnado contou co asesoramento de Producciones Mutantes para as diferentes fases do proceso, aínda que, como recalca Novás, “o produto final foi ideado e executado polo alumnado”. Nese senso, o propio cartel do festival, con elementos do mundo dos coches e “unha pátina algo apocalíptica” foi o único punto de partida coa que contou este grupo á hora de desenvolver un proxecto que, como explica Novás, debía partir da “iconografía, temática e idiosincrasia” do evento en cuestión, o que levou a tomar un taller de despezamento de coches como escenario para unha peza que conta, entre outros, coa participación do profesor de CCSS e da Comunicación Luis Fernández como un dos actores.

Xurdido dunha “proposta realizada desde o propio festival”, a realización deste spot permitiu nese senso promover “sinerxías entre estudantes de diferentes titulacións” para un traballo conxunto no que, se ben, os diferentes perfís deste grupo de estudantes fixeron que cada quen se centrase máis nalgún aspecto concreto, desde o son no caso de Iago Seoane á dirección de arte no de Jorge Blanco, “trátase dun traballo colectivo no que todos participaron no conxunto do proxecto”, explica Novás, que este luns acompañará, xunto ao director do Surfing the Lérez, Marcos Rivas, e os responsables de Producciones Mutantes, Gero Costas e Romina Doce, a estes cinci estudantes nun acto que ten por obxecto achegar ao alumnado ás diferentes fases de elaboración dun proxecto audiovisual.

De Mad Max a Mad Men

"A verdade é que quedamos bastante contentos co traballo, non nos coñecíamos e traballamos moi cómodos", salienta Jorge Blanco dunha experiencia que, admite, tamén supuxo moito traballo "en época de exames" e na que a suma de estudantes de diferentes campos "e traballar como unha empresa mellora o teu propio traballo". 

A dirección artística, que implicaba tanto a escenografía como un vestiario que sumaba ás roupas dos personaxes pezas de coches, como tubos de escape, foi o campo central de traballo que realizou xunto con Carmen Quintás. "O que máis me preocupaba é que non se fixesen dano coa roupa e puidesen actuar", sinala dun traballo no que a escenografía "postapocalíptica" partiu como recoñece "dun brainstorming" entre este grupo de alumnos, que partindo do propio cartel do festival e dunha estética próxima á da saga Mad Max, articularon neste taller unha xuntanza entre un "grupo de publicistas" que se comunicaban a través de gruñidos. "Unha vez definida a parte estética, pensamos en que podíamos facer e puxemos ás personaxes nesa situación. Fomos de Mad Max a Mad Men", engade dun anuncio no que os protagonistas rematan trocando a súa vestimenta "polas camisas hawaianas que simbolizan a estética do festival".