DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dez estudantes participaron nun encontro con empresas do programa Pontevedra ten un puntazo

O alumnado de CCSS e da Comunicación cítase co tecido empresarial

A actividade emulaba o formato dun 'speed dating'

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 01/06/2018

Dun lado da mesa, un estudante da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación; do outro, un representante dunha das empresas que forman parte do programa Pontevedra ten un puntazo; ambos con tres minutos por diante para presentarse a si mesmos e os seus traballos. Con este formato, inspirado na idea das speed dating, desenvolveuse na tarde do xoves na Casa da Luz un encontro entre dez estudantes dos graos en Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual e varias dos integrantes deste programa promovido pola Concellería de Promoción Económica para visibilizar as empresas creativas, culturais e innovadoras da cidade. 

“Conectar ao alumnado co sector profesional” constituía, como sinala o vicedecano de Ciencias Sociais e da Comunicación Oswaldo García, o propósito central desta actividade promovida polo Concello e a facultade, representada neste acto por dez estudantes que deron conta dos seus proxectos e intereses a través de A Canteira, a web impulsada polo centro para, precisamente, para dar a coñecer o talento do alumnado no mundo profesional. Impulsada co apoio co Consello Social da Universidade, que contribuíu tamén ao desenvolvemento dun vídeo promocional deste speed dating realizado polo ex-alumno Alejandro Rodríguez, os estudantes puideron manter un primeiro contacto con representantes de diferentes empresas nos seis postos de entrevista instalados na Casa da Luz. “Organizamos aos estudantes en torno a catro perfís fundamentais; creadores audiovisuais; produtores, é dicir, xente con capacidade de xestión de equipos técnicos e humanos capaces de desenvolver proxectos; deseñadores e fotógrafos e relacións públicas e redes sociais”, explica García dunha actividade na que os estudantes foron trasladándose dun posto a outro para achegar aos representantes empresariais “que é o que lle gusta e o que lles motiva”. De aí que o vicedecano incida “en que unha das cousas máis interesantes que puideron extraer desta actividade”, máis aló deste achegamento ao tecido empresarial, pasaba por esa obriga de “facer un discurso sobre eles mesmos, de ser capaces de identificar cales son as súas calidades positivas e intentar transmitilas da mellor maneira”. 

Do mesmo xeito, García tamén salienta o positivo desta iniciativa á hora de “establecer unha relación coas empresas locais”, que nese senso, contribuirá tamén “a un fluxo máis natural en termos de prácticas”, xa que permite que o alumnado “á hora de elixir un destino coñeza de primeira man a onde irán e ás persoas que están detrás das empresas”.

As empresas fórmanse no campus

Na colaboración da facultade con Pontevedra ten un puntazo enmárcase tamén o curso Comunicación dixital e novos medios, que ao longo do mes de maio formou a oito dos empresarios e empresarias participantes neste programa en aspectos como a xestión e creación de contidos para redes sociais e en novos formatos audiovisuais. O curso que se desenvolveu na Casa das Campás e en CCSS da Comunicación permitiu achegar aos e ás participantes “á democratización na creación de contidos para redes que ofrecen certas ferramentas” ou á idea de que “o audiovisual é algo máis que relatos lineais e anuncios”, achegándose por exemplo ao seu potencial en materia de visualización de datos ou cun obradoiro de creación audiovisual en tempo real, de tal xeito que “empecen a pensar neles como unha alternativa para comunicar a súa marca e os seus produtos”, salienta García, responsable de impartir xunto ao profesor Xabier Martínez Rolán un seminario que se completará nas próximas semanas coa presentación, por parte dos e das participantes, dos plans de comunicacións dixital deseñados ao abeiro desta formación.