DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas virtuais organizadas pola Delegación de Estudantes

O alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte achégase ao seu futuro profesional

Oito conferencias e talleres abordan as saídas laborais das diferentes titulacións da facultade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Asociacións de Estudantes
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 22/03/2021

As saídas laborais dos tres graos que se imparten na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte son o eixo central das xornadas formativas que este luns e martes promove de xeito virtual a Delegación de Estudantes do centro. A oitava edición desta actividade, que conta coa colaboración da facultade e do Consello Social da Universidade de Vigo, retransmítese en directo a través da canle de Youtube da delegación e reúne no seu programa oito conferencias, coloquios e talleres que afondan en diferentes aspectos relativos ao futuro profesional dos graduados e graduadas en Educación Infantil, Educación Primaria e Ciencias da Actividade Física e do Deporte. 

O obxectivo desta actividade é achegar ao alumnado unha “formación complementaria e transversal”, que a través de actividades como os talleres sobre xestión das emocións ou educación afectivo-sexual permita á súa vez afondar noutra serie de cuestións “ligadas á profesión e respecto das que existe unha demanda de formación”, como salienta o integrante da delegación David Álvarez. “Vivimos nun momento de constante cambio, no que é imprescindible profundar na empregabilidade dos nosos egresados e egresadas”, salientou o decano, Vicente Romo, na apertura destas xornadas virtuais, que achegan ao alumnado “as experiencias de diferentes profesionais e debates sobre o estado da profesión, tanto no ámbito da educación como do deporte”, como engadiu o vicedecano José María Pazos. Neste acto, Álvarez Caneda puxo en valor a “confianza” depositada pola facultade na delegación, responsable de definir os contidos dunhas xornadas que decidiron levar a cabo de xeito virtual despois de que a covid-19 impedise desenvolvelas o pasado ano. “Non sabíamos cal ía ser a participación e a verdade é que estamos bastante satisfeitos”, salienta este membro da delegación despois de que os coloquios que deste luns fosen seguidos en directo “por unha media de entre 50 e 60 persoas”. Do mesmo xeito, os diferentes relatorios están a ser gravados para que o alumnado poida acceder a eles con posterioridade á súa emisión en directo, que en varios dos casos lévase a cabo desde a propia facultade. 

A regulación das profesións do deporte

As xornadas arrancaron cun relatorio do estudante de posgrao e graduado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte Matías Zelarayán, que é tamén un dos membros da delegación responsables deste programa de actividades e que buscou achegar unha serie de claves para a realización do traballo de fin de grao e as prácticas académicas “desde o punto de vista do estudantado”. A continuación, o ex-presidente da Asamblea Nacional de Estudiantes de Ciencias de la Actividad Física y del Deporte (Anecafyde) Ángel Torés abordou as diferentes saídas laborais desta titulación para logo compartir co presidente do Consejo General de la Educación Física y Deportiva de España (Consejo Colef), Vicente Gambau, unha mesa de debate centrada no anteproxecto de regulación das profesións vinculadas ao deporte e no futuro laboral dos titulados e tituladas.

De forma paralela, desenvolveuse un coloquio sobre educación emocional, a cargo de Antonio Rodríguez, profesor da Universidad de La Laguna, que foi, como sinala Álvarez Caneda, “a primeira de España” en incorporar unha materia centrada nestes aspectos á formación dos futuros mestres e mestras. 

Da educación afectivo-sexual á preparación de oposicións

Mañá martes, as xornadas continúan cun coloquio sobre repositorios bibliográficos e buscas en bases de datos a cargo do profesor da facultade Ezequiel Rey, tralo terá lugar un taller sobre a metodoloxía de aprendizaxe-servizo do docente da Universidade de Santiago de Compostela Alexandre Sotelino. Tamén nesta segunda xornada, a psicóloga e sexóloga Laura Marcilla impartirá un coloquio-taller sobre educación afectivo-sexual, unha cuestión, ao igual que a educación emocional, “que está nestes momentos en auxe, non na formación do profesorado, pero si no ámbito do traballo nas escolas”, salienta Álvarez. Por último, este ciclo de actividades pecharase pola tarde cun relatorio sobre a preparación de oposicións ao corpo de mestres e o acceso á función docente a cargo do formador Rubén Annicchiarico.