DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco da programación de obradoiro deste cuadrimestre

Alumnado de Ciencias da Educación familiarízase coa intervención asistida con cans

Na actividade destácase a importancia do benestar do animal

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Saúde
  • Cultura
DUVI Ourense 05/12/2018

“Nestas xornadas queremos facer partícipes a todas as persoas que asistan dos beneficios do traballo con cadelas e cans tanto en actividades como en terapia, baixo o prisma da educación social pero sempre tendo en conta o estado emocional e cognitivo do animal que permite a xeración destes espazos diferenciados. Aprendemos doutra especie e achegámonos con eles a axudar a outras persoas”. Deste xeito preséntase o obradoiro Intervención Asistida por Cans/Cadelas que desde o 9 de novembro se imparte na Facultade de Ciencias da Educación no marco da programación de obradoiros deste cuadrimestre do campus de Ourense.

Baixo a dirección do profesor do centro Xosé Manuel Cid, a docencia corre a cargo de membros de Creando Vínculo e de Globus Natura, entidades que desenvolven iniciativas destinadas a achegar as intervencións asistidas con animais a distintos colectivos. Concretamente, ademais de Xosé Manuel Cid, o obradoiro, que se prolonga ata mediados de decembro, é impartido por Virginia Torrecillas, educadora e terapeuta canina e técnica en terapia asistida con animais, e Arantza Fernández, educadora social tamén técnica neste tipo de terapia.

Segundo explican desde a organización, o seminario estrutúrase en catro sesións cun total de 30 horas lectivas. “Existe unha parte teórica e outra práctica onde os asistentes poden acudir cos seus cans para realizala sempre que estes non presenten problemas conductuais que lles impidan participar da sesión”, comentan. O obradoiro conta cun primeiro bloque centrado en ofrecer ás persoas asistentes unha visión xeral do que é a terapia asistida por cans, os seus beneficios, os seus riscos potenciais, a súa situación actual, etc. O segundo bloque está dedicado a explicar como facer unha terapia con estes animais, abordando desde as normas xerais ata as áreas de mellora terapéutica. Por último, o alumnado deste obradoiro céntrase no papel do técnico en terapia asistida por cadelas ou cans, desde as súas funcións ata o seu traballo nunha intervención, e na selección e avaliación da cadela ou can e o seu adestramento.

Os cans como seres vivos, non ferramentas

Sobre os contidos do curso e sobre a intervención con animais recalcan como o animal que participe nunha intervencion debe poder xestionar tal situación, e estar adestrado para os fins que se propoñan co fin de non xenerarlle un estrés residual que lle poida acarrear problemas físicos e conductuais. “Cremos que non todo vale na internveción asistida con animais, nin todo é terapia nin educación”, recalcan as docentes do obradoiro. Deste xeito, comentan, “xorde a idea de presentar este seminario para dar unha formacion básica sobre este tipo de intervencións e entender que é un can ou cadela de terapia e cal é o adestramento que necesita para tal fin. Trátase, apuntan as docentes, de que as persoas asistentes ao curso entendan a importancia de “coñecer ao animal que nos axuda no noso traballo e respectar as súas necesidades en todo momento, pois non é unha ferramenta senón un ser sentinte e social”.

A responsabilidade dos técnicos que desenvolven este tipo de terrapias, apunta as docentes do curso, “é garantir o seu benestar e facer que a intervencion sexa unha oportunidade na que todas as partes saian reforzadas e se cumpran os obxectivos planteados según cada caso”. Así, subliñan a importancia fundamental deste respecto aos animais para que todos os participantes nunha intervención asistida deste tipo gañen da experiencia. “O verdadeiro éxito deste programa é poder achegar aos futuros profesionais esta visión colaborativa entre can/cadela e humano baseada na comunicación e o vínculo respectuoso coa súa guía que abre a porta ao cumprimento de obxectivos de axuda e mellora a todo tipo de colectivos”, comenta Virginia Torrecillas. “Se comezamos a ver aos seres que comparten a súa vida con nós como individuos máis complexos do que ata agora pensabamos, estaremos comezando a camiñar cara un mundo onde o abandono e maltrato animal se minimice tamén”, subliñan por último as responsables do obradoiro.