DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun obradoiro impartido pola profesora Mercedes Llorente

Alumnado de Dereito achégase á mediación familiar como unha alternativa eficaz á resolución de conflitos

Nel puideron coñecer como se desenvolven estes procedementos na práctica

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 27/04/2021

Por motivos propios, como a súa eficacia, ou por motivos externos, como a saturación do sistema xudicial, a mediación preséntase cada vez máis como unha alternativa para a abordaxe e solución de conflitos familiares. Co obxectivo de que o seu alumnado e as persoas interesadas puidesen afondar na aplicación destes procedementos, a Facultade de Dereito do campus de Ourense organizou este martes un obradoiro de mediación familiar impartido a través do Campus Remoto da UVigo por Mercedes Llorente, profesora titular de Dereito Procesual da Universidad de Sevilla.

A sesión, explicou na súa presentación Inés C. Iglesias Canle, catedrática de Dereito Procesual da UVigo, contou con financiamento do Consello Social da Universidade de Vigo e xurdiu co obxectivo de ofrecer principalmente ao alumnado unha formación de carácter práctico complementaria aos coñecementos tratados nas materias do Grao en Dereito en relación á mediación familiar. Sobre esta temática, Inés C. Iglesias Canle salientou a súa importancia nun momento no que á tradicional "lentitude da administración de xustiza" se lle suman as consecuencias derivadas da pandemia.    

A mediación, lembrou Mercedes Llorente na súa intervención, mana dunha directiva da Unión Europea do ano 2008 que obriga aos estados a incorporala nos seus ordenamentos xurídicos. España, apuntou, non ten unha lexislación nacional de mediación familiar, sendo a lexislación existente a lei 5/2012 de mediación civil e mercantil. O que si existe, engadiu a relatora, son lei autonómicas de mediación, no caso de Galicia a lei4/2001 reguladora da mediación familiar. A profesora indicou na súa intervención que a mediación xorde como unha alternativa nun contexto de "retraso xurisdicional que cada vez se agrava máis". Dentro da mediación, engadiu, “a mediación familiar ten amosado ser verdadeiramente efectiva”, apuntando como este tipo de mediación non se ten que identificar exclusivamente con asuntos de separación e divorcio, senón que tamén se pode estender a outro tipo de conflitos familiares, como poden ser conflitos de avós con netos, pais con fillos, etc.

O centro nos intereses

As vantaxes fundamentais que ten a mediación familiar, explicou Mercedes Llorente, son “mellorar a relación entre as partes implicadas no conflito tendo en conta que esta relación se vai a ter que prolongar durante moitísimos anos na maior parte das ocasións, alén do fundamento xenérico de toda mediación que é descargar de traballo aos tribunais”. A relatora comentou como o fundamento da mediación familiar “é exactamente igual que o fundamento de toda mediación: o gaño, gaño”, indicando como o centro se sitúa nos intereses e non nas posicións das partes, posicións que, apuntou, son en moitas ocasións pechadas. “O mediador tratará de ir encamiñando este conflito para que pouco a pouco vaian cedendo estas posicións e vaian concentrándose no que son os intereses”, dixo durante o obradoiro. Entre as materias nas que é posible empregar a mediación, comentou a profesora da Universidad de Sevilla, están o réxime de custodia dos fillos e fillas, a aplicación da contía da pensión económica ou a división da vivenda familiar.

Ao longo da súa intervención Mercedes Llorente abordou temas como os principios da mediación (como a voluntariedade, a igualdade ou a independencia) ou como se pode chegar a este procedemento por diferentes vías, desde un acordo entre as partes para acudir, por derivación xudicial ou a proposta dunha das partes. A relatora explicou tamén ao público os escenarios, fases e técnicas da mediación familiar, apuntando como moita destas técnicas “son técnicas máis achegadas á psicoloxía que ao mundo xurídico”.