DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cinco estudantes realizarán prácticas nesta institución

Alumnado de Dereito completa a súa formación na Subdelegación do Goberno

A iniciativa é froito dun convenio de cooperación educativa

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 18/03/2021

Cinco estudantes da Facultade de Dereito do campus de Ourense realizarán os vindeiros meses as súas prácticas externas na Subdelegación do Goberno en Ourense co obxectivo de completar a súa formación. A iniciativa é froito dun convenio de cooperación educativa asinado en 2019 entre a Administración Xeral do Estado e a Universidade de Vigo.

Durante o período de prácticas, que constan de 135 horas, as catro alumnas e o alumno que participan nas mesmas coñecerán, intervirán e participarán nas actividades que se desenvolven nas diferentes áreas e dependencias da Subdelegación do Goberno en Ourense, tales como o Xurado Provincial de Expropiación Forzosa, o Servizo de Asuntos Xurídicos, o Servizo de Asuntos Xerais e Réxime Interior, a Área de Traballo, Inmigración e Estranxeiría ou a Oficina de Estranxeiría, entre outros. O titor do alumnado será o secretario xeral da Subdelegación do Goberno, Manuel Arias, tamén profesor na Facultade de Dereito ourensá. A última parte do período de prácticas levarana a cabo na Audiencia Nacional en Madrid baixo a supervisión do maxistrado do Xulgado Central de Menores Único José Luis Castro Antonio, onde poderán coñecer o funcionamento deste órgano xudicial.

Emilio González, subdelegado do Goberno en Ourense, e Manuel Arias recibiron este xoves ao alumnado na Subdelegación do Goberno. Durante o encontro, Emilio González sinalou a importancia da realización deste tipo de prácticas que permiten que o alumnado “aplique e complemente os coñecementos adquiridos na súa formación académica, favorecendo a adquisición de novas competencias preparatorias para o exercicio profesional e que fomenten a súa empregabilidade. Ademais, esta experiencia permite achegar a Administración Pública a aqueles alumnos que desexen proxectar a súa carreira profesional nela”. Así mesmo, o subdelegado do Goberno resaltou que “a acollida de estudantes na Subdelegación do Goberno suporá unha experiencia enriquecedora non só para o alumnado, senón tamén para os empregados públicos, que poderán compartir experiencias laborais co mundo universitario”.