DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia de Fernando Serrulla celebrada este xoves no campus

Alumnado de Dereito familiarízase co traballo dun médico forense

A iniciativa quixo contribuír a unha mellor formación neste eido das e dos futuros xuristas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 14/11/2019

A autopsia de Diana Quer tralo achado do seu cadáver, a segunda autopsia que identificou os restos dos fillos de José Bretón tras unha primeira autopsia errónea, a identificación de corpos do 11-M, a exhumación de soldados descoñecidos mortos na guerra das Malvinas... Estes, e outros moitos casos, forman parte do currículo de Fernando Serrulla, responsable da Unidade de Antropoloxía Forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia, con sede no hospital de Verín. Este xoves, el foi o encargado de achegarse á Facultade de Dereito do campus de Ourense para familiarizar ás e aos futuros xuristas co traballo que realizan os médicos e médicas forenses.

A conferencia foi presentada por Virxilio Rodríguez, profesor de Dereito Penal da Universidade de Vigo, e Benjamín Mayo, coordinador profesional do Máster en Avogacía desta institución académica, que coincidiron en salientar “o privilexio” que supón poder contar coa presenza de Serrulla no campus e poder escoitar a “un profesional dedicado ao seu traballo”, tal e como subliñou Benjamín Mayo. A actividade, recalcou Virxilio Rodríguez, permitiu ao alumnado presente achegarse desde un punto de vista práctico a conceptos que en materias como dereito penal ou procesual abordan desde un punto de vista eminentemente teórico. “Arredor ou pivotando co dereito penal existen outras disciplinas científicas que son moi importantes á hora de esclarecer os feitos delitivos, unha delas é a medicina forense”, afirmou Virxilio Rodríguez na presentación da conferencia.

Un forense “de pobo”

Fernando Serrulla salientou durante a súa conferencia que a pesar da repercusión mediática dalgúns dos casos nos que traballou “eu sempre me considerei un forense de pobo e sígoo sendo. De feito vivo nun pobo e traballo nun pobo”. Pondo “na carpeta do relativo” esa repercusión pública, o experto definiuse como “un médico forense moi traballador”, ao que lle gusta moito o que fai, que lle poñe moita ilusión e que intenta “facelo o mellor posible” pero, recalcando, “ata aí chega o que puidera ser o meu mérito”.

O obxectivo da súa conferencia foi explicar o traballo das e dos médicos forenses en xeral e concretamente en Galicia, dedicando especial atención á Unidade de Antropoloxía Forense. “Os médicos forenses son profesionais ao servizo da administración de xustiza. A nosa tarefa fundamental é auxiliar aos xulgados, maxistrados, fiscais e tribunais, en todas as materias da nosa competencia, que son competencias médicas, biolóxicas, nas que hai que resolver problemas que por si mesmos non alcanzan a resolver”, indicou. Basicamente, apuntou Fernando Serrulla, realizan recoñecemento de lesionados, de persoas vivas que sufriron algún dano por agresión ou accidente, e no caso de falecidos a determinación da causa da morte e o establecemento da súa orixe, “coñecer se é un homicidio, un suicido, un accidente en todas as mortes violentas ou sospeitosas de criminalidade” que se producen na provincia de Ourense.  

“Visto desde fóra parece moi emocionante pero visto desde dentro é como unha técnica”, afirmou o médico forense sobre o traballo que realizan. Sen querer quitarlle mérito á profesión, Serrulla apuntou como “realmente o que facemos é aplicar os nosos coñecementos, a nosa formación, en cuestións puramente técnicas da mellor maneira que sabemos facelo”. Tendo en conta que traballan “con persoas, con cadáveres, con familias”, no que si fixo fincapé este experto foi na importancia da “dedicación e a vocación”.

Sobre a repercusión mediática dalgúns dos seus casos Fernando Serrulla indicou como “pregúntanme moito polo caso de Diana Quer pero hai moitos outros casos moi descoñecidos nos que intervimos e que son tan importantes para nós ou máis que este caso”. Así, apuntou, xeralmente os casos que chegan á Unidade de Antropoloxía Forense de Verín “son homicidios moi complexos nos que ao mellor non hai un autor coñecido e nos que temos que esmerarnos moito para intentar localizalo”. A causa da morte, afirmou, “soe ser evidente pero ter ao autor é máis complicado”. “Ese tipo de traballo é máis difícil e complexo que nun caso no que o autor xa é confeso, como o caso de Diana Quer ou outros casos parecidos”, sinalou.

Visibilización

Na súa visita ao campus de Ourense, Fernando Serrulla destacou a importancia de que as e os futuros xuristas adquiran nocións básicas do traballo que realizan as e os médicos forenses xa que “gran parte” da súa actividade profesional vai a ter algunha relación coa medicina legal. “É moi importante explicar o traballo que fan os médicos forenses. Con frecuencia estamos un pouco traballando en sotos, en lugares un pouco escuros, pouco visibles. Quizais é máis visible a actividade xudicial, a do fiscal, a do avogado, pero os médicos forenses estamos aí, somos xente non implicada nos procedementos, imparciais, que traballamos con criterios científicos e que tratamos de facer as cousas o mellor posible”, afirmou. Así, o experto subliñou como na súa opinión “é moi positivo tanto para a medicina legal como para os estudantes de Dereito que haxa unha relación institucional entre a medicina legal oficial e a formación en Dereito. É bo para todos”.