DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia sobre o programa que neste eido ofrece a Tecnópole-Igape

Alumnado de Empresariais e Turismo achégase ao ‘coworking’

Nela afondaron nas ferramentas de apoio ao emprendemento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Emprender
  • Académica
DUVI Ourense 03/02/2022

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolleu este xoves a conferencia O coworking como ferramenta de apoio ao emprendemento. Nela, o alumnado deste centro puido achegarse ás ferramentas que ten á súa disposición se no futuro decide pór en marcha os seus propios negocios e tamén coñecer experiencias neste eido. 

A conferencia foi ofrecida por Javier Taibo, director xerente da Tecnópole, e Alfonso Martínez, mentor residente do programa de coworking Tecnópole-Igape, e presentada polo profesor da UVigo Ernesto López-Valeiras. “A iniciativa empresarial é unha das competencias transversais que se espera que os estudantes potencien durante o seu paso pola nosa Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo”, explica Ernesto López-Valeiras. Co obxectivo de avanzar neste eido, engade o docente, “ademais das materias específicas sobre esta cuestión, tratamos de pór ao alcance do noso alumnado recursos adicionais que lles acheguen á cultura e ao ecosistema emprendedor”. Actividades como a conferencia organizada este xoves, sinala, “nalgúns casos espertan inquedanzas emprendedoras ou fortalecen a predisposición a materializar e iniciar proxectos a partir dunha idea de negocio”.   

Experiencias e ferramentas 

Durante a súa intervención, os relatores compartiron co público asistente a súa visión e experiencias sobre o emprendemento, o ecosistema emprendedor e as ferramentas de axuda para as persoas que queren pór en marcha os seus propios proxectos de negocios. Na conferencia incentivaron ao alumnado presente a coñecer as oportunidades que teñen no eido do emprendemento por se nalgún momento teñen a ilusión, as gañas e a determinación de intentar pór en marcha a súa propia idea de negocio. Igualmente, as e os estudantes presentes puideron coñecer de primeira man casos de empredemento mentorizados desde a Tecnópole e desenvolvidos por persoas ao remate da súa formación superior. Na actividade fíxose fincapé nos beneficios que supoñen os espazos de coworking, oficinas compartidas que conectan profesionais e xeran novas oportunidades para eles.

Na sesión, os convidados tamén presentaron a vindeira edición do programa de coworking Tecnópole-Igape, de apoio a proxectos emprendedores. Entre os once espazos deste tipo que ten o Igape en colaboración coa Escola de Organización Industrial está o da Tecnópole. Nel, indicouse na conferencia celebrada, ofréceselle ás e aos emprendedores formación, mentorización e un espazo onde traballar co reto de que en cinco meses as ideas de negocio se transformen en realidade. A iniciativa está destinada a emprendedoras e emprendedores cun proxecto empresarial en fase temperá de desenvolvemento ou cunha empresa creada recentemente (non máis de seis meses antes da súa incorporación ao espazo coworking).