Nunha conferencia de María Álvarez, directora xeral en España da axencia Dentsu X
Alumnado de Empresariais e Turismo achégase á evolución da sociedade española a través da publicidade
A evolución da sociedade española a través da publicidade. Este foi o título e a temática dunha conferencia ofrecida este luns na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense por María Álvarez, directora xeral en España de Dentsu X, unha das axencias de publicidade máis grandes do mundo.
A actividade estivo organizada pola facultade, polo grupo de investigación Gen e pola Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, contando ademais co apoio de Ecobas. Foi presentada por Montserrat Cruz, decana da facultade, e Elena Rivo, directora da citada cátedra, que destacaron a dilatada traxectoria de máis de dúas décadas da relatora convidada; a súa paixón polo márketing e a comunicación e a súa capacidade de liderado e traballo en equipo. Alén do contido específico da conferencia, desde a organización do acto destacaron a pertinencia e o interese de que o alumnado de Ciencias Empresariais e Turismo coñeza de primeira man perfís profesionais e traxectorias de éxito como o da convidada este martes.
Non só vender
Na súa visita ao campus de Ourense, María Álvarez quixo ofrecer unha conferencia “moi didáctica e amena”, pensada para dar “unha perspectiva diferente” sobre a publicidade ao alumnado de primeiro curso do Grao de Administración e Dirección de Empresas presente. “Quixen facer unha análise da sociedade pero desde a publicidade”, sinalou. No camiño de cumprir o seu obxectivo primordial, que é vender, a relatora destacou que a publicidade “vai contando como é a vida da sociedade de cada momento”. Así, recalcou, este sector “acompaña a sociedade na súa evolución” e a través dela “pode verse como vai avanzando”.
Con este enfoque, a publicista foi ofrecendo unha panorámica social década a década, achegándose a aspectos diversos, desde o político ao demográfico, e empregando diferentes exemplos de anuncios. Para esta abordaxe, centrouse en catro sectores específicos: o dos electrodomésticos de fogar, a automoción, a moda-perfumes e o alcol. E en cada un deles foi falando de como foron cambiando eses sectores, a súa publicidade e a sociedade que neles se plasmaba e á que se dirixían. Así, o alumnado asistente puido sorprenderse ante anuncios que agora serían impensables en relación a aspectos como a igualdade de xénero e o consumo de alcol. Igualmente, a relatora falou sobre algunhas campañas publicitarias de carácter social levadas a cabo en diferentes épocas e sobre temas como a prevención da sida e do consumo de drogas, pondo en valor o seu impacto positivo na poboación.