DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É unha colaboración entre as ramas de estudantes do IEEE na UVigo e na UNED

Alumnado de Enxeñaría Industrial organiza unhas xornadas en liña sobre novas tecnoloxías

A actividade, totalmente gratuíta, será este venres e sábado

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • TIC
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 23/06/2020

Integrantes da Rama de Estudantes do IEEE, Institute of Electrical and Electronics Engineers, da Universidade de Vigo en colaboración cos seus homólogos da UNED están a organizar para este venres e sábado unhas xornadas de traballo colaborativo en formato hackathon, un espazo virtual, remoto e de acceso totalmente gratuíto. “Teremos persoas expertas en diferentes áreas, desde aplicacións móbiles, ata arduino, impresión 3D, prototipado electrónico, Python, Raspberry Pi…”, explican Juan Abia (Rama Estudantes IEEE-UVigo) e Pedro Plaza (Rama Estudantes IEEE-UNED), principais cabezas visibles da organización deste evento.

A cita arrancará o venres ás 18.00 horas e ao longo desta primeira sesión as persoas participantes recibirán nocións teóricas dunha serie de tecnoloxías coas que poderán traballar ao longo das seguintes actividades. “Estas sesións serán paralelas, unha para cada tecnoloxía e, ademais, haberá a posibilidade de ir aclarando todas as dúbidas que poidan ir xurdindo”, salientan os organizadores, ao que engaden que as gravacións da parte teórica serán accesibles, para que as poidan usar durante todo o desenvolvemento do hackathon.

Ao día seguinte, a partir das 17.00 horas, habilitaranse unha serie de salas virtuais para que as persoas que participen poidan traballar con cada unha destas tecnoloxías e realizar as consultas pertinentes ás correspondentes persoas expertas, podendo os asistentes moverse por cada unha das salas para que dean forma á súa idea coas tecnoloxías que consideren.

Aberto ao público, previa inscrición

Se ben esta actividade está dirixida ao propio alumnado da Rama de Estudantes do IEEE na UVigo e na UNED, desde a organización fan fincapé en que se trata dunha xornada aberta á participación de “calquera estudante ou persoa con inquietudes no desenvolvemento de ideas baseadas nunha ou varias das tecnoloxías sobre as que se vai traballar” e, nestes senso, aclaran que, a pesar de ser unha actividade en liña e gratuíta, para poder acceder é necesario rexistrarse.Tanto Juan Abia, estudante de Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática na UVigo, como Pedro Plaza, doutor enxeñeiro industrial experto en sistemas electrónicos, exercerán como moderadores nas diferentes salas habilitadas para cada área, tanto nas sesións de teoría como nas de traballo.

Ademais, contarase tamén coa participación como experto de Alfonso Lago, profesor do Departamento de Tecnoloxía Electrónica da Universidade de Vigo, quen exerceu como vicepresidente da sección española do IEEE durante o bienio 2018-2019, e do catedrático da UNED Manuel Castro, quen en 2017 foi nomeado presidente emérito da sección Educación do IEEE, o primeiro non norteamericano.

Rama Estudantes IEEE UVigo

O IEEE, Instituto de Enxeñeiros Eléctricos e Electrónicos, é unha das maiores institucións profesionais do mundo, con máis de 420.000 socios. O seu obxectivo é o avance da tecnoloxía en beneficio da humanidade, centrando os seus intereses na enxeñaría eléctrica e electrónica, pero tamén noutras áreas afíns co uso da electricidade como a informática, as comunicacións, a robótica… así ata un total de máis de trinta áreas técnicas. Desde mediados de 2016 esta asociación conta con rama de estudantes propia na UVigo con sede nas escolas de Enxeñería Industrial e Enxeñaría de Telecomunicación.