DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A metade dos proxectos seleccionados para o apartado Novas Camadas naceron neste centro

O alumnado da Facultade de Comunicación, protagonista da sección de novos talentos do Festival de Cans

As súas obras poderán verse o mércores 22

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 16/05/2024

Creada co obxectivo de impulsar a visibilidade dos traballos das creadoras e creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtametraxes para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na Facultade de Comunicación. As curtas dos estudantes de Comunicación Audiovisual Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos. As súas curtas exhibiranse o mércores 22, na segunda xornada dun festival que, na súa XXI edición, bateu o seu récord histórico de obras inscritas a concurso, coa presentación de 261 pezas chegadas de oito países.

Da facultade aos festivais 

“Sempre que recoñecen o teu traballo senta moi ben e o feito de que un festival do nivel de Cans che seleccione, senta aínda mellor”, sinala Miguel Romero, director de Xogo de Nenos. Nacida como un “proxecto persoal” levado a cabo pola produtora que conforman un grupo de estudantes, trátase dunha “curta de suspense, acción e supervivencia”. Como explica, esta é a sexta selección para un festival dunha curtametraxe distinguida a finais de 2023 co primeiro premio do III Concurso A Canteira-Augal, dirixido a recoñecer os mellores proxectos do alumnado da Facultade de Comunicación.

No caso de Tara, que os Rebeca Tella e Daniel F. Filloy crearon como traballo para unha materia, son xa preto dunha decena as seleccións acadadas e que abranguen desde Curtocircuíto ou o Curtas Festival do Imaxinario a certames de Portugal, Chile, India e Reino Unido. “Supón unha oportunidade para que a xente poida ver a nosa obra e opinar sobre ela, que é o que nos motiva a crear”, apunta Filloy da selección dunha curta que presenta “un distinguido grupo de individuos” que se reúne nun banquete no que “todos ocultan a súa identidade”. 

Obras nacidas nas aulas que se estrearán en Cans

Nacida tamén como un traballo académico, Juan Ares estreará en Cans Sainte Agathe, unha curta documental na que acompaña a Agatha, “unha moza de 22 anos con disforia de xénero, no día anterior e posterior a unha operación de masculinización de tórax nun hospital público, tras case dous anos de espera”. Como unha “oportunidade enorme” para dar a coñecer unha peza na que a protagonista “reflexiona sobre cuestións relativas á expresión e identidade de xénero” recibe este alumno a selección dun traballo, recoñecido previamente nos premios de creación audiovisual da Universidade de Vigo.

Xurdida do seu “interese persoal sobre as memorias almacenadas a través da fotografías”, Anxo González creou como traballo para unha materia a súa curta .jpeg, que tamén se estreará en Cans. De aí que sinale a súa “ilusión” por presentar unha peza que define como “un ensaio audiovisual que busca explorar a presenza das imaxes en formato físico, en contraposición á inmaterialidade do dixital”. 

Titulado en Comunicación Audiovisual, Manu Sacoga presentará Ángel de Plástico, curta resultado do seu TFG, titorizado por Diana Ramahí. “Considero que esta selección é a máis importante que tivera nunca. O Festival de Cans é un escenario moi especial, polo que faime moitísima ilusión”, recoñece da escolla dunha curta que suma tamén diferentes seleccións en festivais. Como “unha historia que fala da nostalxia, de como o recordo é unha distorsión da realidade, pero igual de válida”, presenta este egresado unha peza que reflexiona “sobre o que significa o amor, a amizade e, sobre todo, os recordos”. 

Ademais, tamén foi seleccionada para Novas Camadas, por terceiro ano consecutivo, a egresada da Facultade de Belas Artes Candela Conde, desta volta por Eu quero unha pipa, resultado da súa participación no Chanfaina Lab de San Sadurniño.