DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Escola Infantil celebrou na tarde deste xoves a súa festa de fin de curso

O alumnado máis novo do campus festexa o fin dunha etapa

38 nenos e nenas completan nestas semanas o seu ciclo no centro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 15/06/2018

Nunhas semanas nas que se suceden na Universidade os actos de graduación dos novos titulados e tituladas, tamén chegou o momento das despedidas na Escola Infantil do campus pontevedrés, que na tarde deste xoves celebrou, cunha ambientación hawaiana, a súa festa de fin de curso. Aínda que o centro permanece aberto ata finais de xullo, o feito de que durante o verán algúns nenos e nenas non acudan todos os días ao centro motivou esta despedida adiantada na que os 38 alumnos e alumnas das dúas aulas de 2-3 da escola, que completan nestas semanas a súa etapa no centro, foron agasallados cunha medalla e un diploma. Previamente, tanto as e os cativos como as súas familias puideron gozar dunha tarde de celebración, na que houbo espazo para unha merenda pero tamén para xogos, música ou para divertirse cunha máquina de pompas de xabón. “O obxectivo da festa é vivir unha xornada de convivencia entre a familia e a escola”, salienta Elena Ortigueira, directora en funcións deste centro integrado na rede de escolas do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, dunha tarde de celebración na que a alegría se combinaba tamén coa nostalxia que implica “que se trata dunha despedida”.