DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

O alumnado mide a súa capacidade de improvisación oral no concurso Eme-Pakuxa

Mateo González, estudante do Máster de Telecomunicación, fíxose co primeiro premio

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Estudantado
  • Premios
  • Cultura
DUVI 08/04/2021

Mateo González, estudante do Máster de Telecomunicación, é o gañador da segunda edición de Eme-Pakuxa, o concurso de improvisación oral organizado desde a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía para animar ao alumnado universitario, non só do ámbito da enxeñaría, a mellorar a súa capacidade oratoria a través do formato Pecha Kucha (P-K), unha innovadora técnica de presentación que valora a creación dun discurso o máis orixinal e creativo posible fiado en torno a unha sucesión rápida de imaxes.

Cada participante tivo que amosar a súa capacidade de improvisación disertando durante 20 segundos sobre cada unha das 20 diapositivas que lles propuxo a organización. Nesta ocasión, o concurso contou só con dous participantes, Mateo González, quen ao final se fixo co primeiro premio, e Antonio Ramos, do Grao de Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais. Tiveron que medirse diante dun xurado composto por Carmen Filgueira, bolseira de difusión da escola; María del Carmen Romo, xefa de negociado de Asuntos Xerais, e o docente David Patiño, que foron os encargados de valorar cal dos dous participantes conseguiu un discurso máis coherente e continuo.

“O concurso fíxenos pasar un intre moi entretido, pois a pesares de que os dous participantes souberon enfocar moi ben os seus discursos, os nervios ao non coñecer de antemán as diapositivas fixo que xurdiran moitas bromas e algún chiste que outro”, explica o subdirector da escola, Santiago Pozo, que exerceu como presentador. Pozo fixo tamén fincapé en que, se ben este ano o nivel de participación no certame non foi moi elevado, a idea da escola é seguir apostando por este formato e, na medida do posible, fomentar a participación de alumnado do resto de escolas e facultades do campus. “Sorprendeunos moito a oratoria dos participantes e a súa facilidade para enfrontarse a unha serie de diapositivas que non coñecían diante dun público descoñecido e ante o xurado”, salientou o subdirector.