DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na actividade de convivencia participaron este venres 40 persoas

Alumnado e profesorado de Educación realizan un tramo do Camiño Mozárabe

Quixo ser tamén unha homenaxe á Xeración Nós

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Estudantes
DUVI Ourense 07/05/2021

Profesorado e alumnado dos graos de Educación Infantil e Educación Primaria, da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, racharon este venres a súa dinámica educativa habitual realizando un tramo da Vía da Prata e do Camiño Mozárabe, concretamente a etapa que transcorre entre Vilar de Barrio a Xunqueira de Ambía, na provincia de Ourense. 40 persoas participaron nesta iniciativa que tamén quixo ser unha homenaxe á Xeración Nós co gallo do seu centenario.

O profesor do centro Xosé Constenla foi o encargado de coordinar esta iniciativa no marco da súa materia Aprendizaxe das Ciencias Sociais e coa participación tamén das materias de Lingua Galega e Ciencias Experimentais. Segundo explicou o docente, “a actividade tivo un obxectivo fundamental, que foi volver un pouquiño á vida universitaria que tiñamos antes da pandemia, a este tipo de actividades que non son tanto de aula e que non puidemos facer todos estes meses”. Trátase, apuntou, de “saír da rutina na que nos meteu a pandemia e ir recuperando o que viñamos facendo habitualmente”. A iniciativa, engadiu o seu promotor, foi “moi ben acollida polo alumnado, que está moi contento de saír das aulas e retomar as actividades fóra dela”.  

Tendo en conta a celebración do Ano Xacobeo, o docente explicou como decidiron facer unha etapa dalgún dos Camiños a Santiago. Así, o tramo elixido foi o que transcorre entre Vilar de Barrio e Xunqueira de Ambía, un tramo de 15 quilómetros que forma parte do Camiño Mozárabe. Ademais, tendo en consideración a celebración do centenario da Xeración Nós, Xosé Constenla comentou como esta andaina tamén quixo ser unha “humilde homenaxe” a ela, lembrando a peregrinaxe que fixeron Vicente Risco, Otero Pedrayo e Ben ChoShey de Ourense a San Andrés de Teixido e como eles “dixeron que para coñecer o país a mellor velocidade é a de camiñar”.

Actividade interdisciplinar e de convivencia

A iniciativa, indicou o seu responsable, uniu a alumnado dos tres primeiros cursos dos graos de Educación Infantil e Educación Primaria “nunha actividade interdiciplinar e de convivencia, de recuperación desa vida universitaria de fóra das aulas” que lles permitiu ademais coñecer “un territorio próximo que desde o punto de vista paisaxístico, xeográfico e social ten moitas características moi singulares”. Así, detallou, ao longo do percorrido puideron coñecer diferentes unidades paisaxísticas que teñen a auga como fío condutor, como a lagoa de Antela ou as corredoiras dos montes. A xornada, de mañá e tarde, está previsto que remate en Xunqueira de Ambía cunha visita á súa colexiata e ao seu centro educativo, do que Xosé Constenla apuntou como “é un dos colexios que hoxe en día ten unha metodoloxía máis innovadora desde o punto de vista da inclusión, do contacto coa natureza e da inmersión lingüística”.