DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita contou coa participación de membros dos tres campus da Universidade

Alumnado e profesorado pon en valor o seu traballo en Expouniversitas

Nela presentáronse un total de 43 estudos ou investigacións

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 31/01/2020

43 traballos feitos por alumnado ou persoal docente e investigador dos tres campus da Universidade de Vigo e de diferentes áreas de coñecementos foron expostos este venres na celebración da terceira edición de Expouniversitas. Fórum de Innovación e Investigación Universitaria. A cita, organizada desde a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, consolídase como unha oportunidade para que os membros da comunidade universitaria poñan en valor o traballo de innovación e investigación que realizan nas aulas e se retroalimenten do traballo feito por outros membros.

A actividade de Expouniversitas repartiuse en cinco aulas nas que se presentaron en cada unha delas sete traballos feitos por alumnado ou persoal investigador de diferente tipo, desde estudos feitos no marco de materias ata investigacións en curso. A elas uniuse outra sala centrada en experiencias docentes e na que se expuxeron oito iniciativas de diferente tipo. O comité organizador do evento estivo formado como en edicións anteriores polo profesorado da Universidade de Vigo Pedro Membiela, Isabel Mociño, Ángeles Conde, Manuel Vidal, Xoana Reguera, Isabel Pousada e Miguel Ángel Álvárez.

Indicando como a participación foi este ano similar á de anteriores edicións, Pedro Membiela salientou como Expouniversitas  “é unha iniciativa interesante que se vai consolidando ano a ano”. O seu obxectivo, lembrou, é darlle a alumando e profesorado a oportunidade de “presentar o que estamos facendo, o que nos axuda a mellorar a nós mesmos, e ver o que outros fan, apostando por unha aprendizaxe dobre e que abrangue múltiples disciplinas”. A iniciativa, engadiu Manuel Vidal, quere ser “un punto de encontro” no que conflúan diferentes colectivos e áreas da Universidade “para aprender todos de todos: alumnos de alumnos, profesores de profesores, profesores de alumnos e alumnos de profesores”. Especialmente importante, indicaron desde a organización, é o feito de que durante a súa celebración o alumnado fai o esforzo de presentar en público o seu traballo.

A experiencia das e dos participantes

Entre os primeiros en saír á palestra estivo este venres Alfonso Suances, estudante de terceiro curso do Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, no campus de Vigo, que presentou un traballo feito nunha das súas materiais sobre as aleacións de aluminio que se empregan na industria aeronáutica. “Xa estiven o ano pasado e gustoume a experiencia e decidín repetir. A min cústame un pouco dar o paso de expor diante de xente pero hai que facer o esforzo”, comentou este alumno antes de comezar a súa intervención. Na súa mesma sala tamén falaron Estela Loureiro, Fran Peleteiro e Ania Rial, estudantes de terceiro curso do Grao en Educación Primaria da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. “Expoñemos un traballo que fixemos sobre como reaccionan os diferentes tipos de bebidas gasosas ao xuntalas con caramelos “mentos”, vendo canto pode medir a columna de escuma que se produce polo seu contacto”, indicou Fran Peleteiro. Entre as conclusións do experimento destacaron no seu traballo como detectaron que “non cantos máis “mentos” botes máis medra a columna de escuma, chega un punto no que xa non medra máis, hai un tope”. A elección do tema, indicaron as e o autor do estudo, fíxose tendo en conta como este experimento é “un clásico” entre os rapaces e rapazas e pode ser un xeito de atraer a súa atención de cara a aprendizaxe.

Do mesmo grao, tamén expuxeron un traballo realizado no marco da súa materia Uxía Lamas, Miriam Hermilla e Borja Seoane. No seu caso centráronse en “ver se existen ou non microplásticos en produtos de uso cotiá”, como desodorizantes ou dentífricos, concluíndo como “efectivamente si que existen e repercuten de forma negativa en nós e na contorna”. Ao igual que os seus compañeiros e compañeiras de aula, Uxía Lamas sinalou como a súa participación en Expouniversitas foi “unha experiencia diferente e gratificante para coñecer diferentes temas”. Os seus foron tres dos 42 traballos presentados este venres e que abrangueron temas tan diversos como o marxismo na antropoloxía, o acceso de lámpadas usando cítricos, o desexo sexual feminino desde a percepción masculina ou a resistencia da tea de araña de Spiderman. Ademais, unha das salas estivo centrada no profesorado, expondo oito deles experiencias docentes dun amplo abano de temáticas, desde a docencia por estándar de competencia na Universidad Nacional de Jaén, en Perú, ata as actitudes do futuro profesorado de Educación Infantil cara a ciencia e o persoal científico.