DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto de aprendizaxe-servizo que desenvolven co banco de tempo A Redeira

Alumnado de Publicidade e RRPP combaterá as informacións falsas con vídeos divulgativos

A iniciativa busca que os estudantes entren en contacto con diferentes colectivos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • TIC
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 03/04/2020

Mellorar, a través de vídeos divulgativos, a competencia mediática da cidadanía, achegándolle estratexias e recomendacións para facer fronte á desinformación e ás fake news que se difunden a través internet, e facelo partindo do diálogo con persoas de diferentes perfís, participantes no banco de tempo A Redeira. Esta é a base do proxecto de aprendizaxe-servizo que, ao longo deste cuadrimestre, o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Alberto Dafonte desenvolve con máis de 60 alumnos e alumnas do grao en Publicidade e Relacións Públicas. Nunha iniciativa que, neste período de suspensión da docencia presencial por mor do coronavirus continúa desenvolvéndose con titorías e xuntanzas a través de medios electrónicos, os alumnos e alumnas deben elaborar, atendendo ás necesidades de diferentes persoas e colectivos, unha serie de pezas audiovisuais nas que acheguen recomendacións e ferramentas “de identificación e defensa ante as novas falsas”, como explica este docente.

Seleccionada na convocatoria de proxectos de aprendizaxe-servizo impulsada pola Área de Formación e Innovación Educativa da Universidade, participan nesta iniciativa, divididos en once grupos de traballo, 63 alumnos e alumnas da materia Teoría e práctica da comunicación televisiva. “A aprendizaxe-servizo ten que ver con que o alumnado adquira unhas competencias que son propias da materia, neste caso a creación de contidos audiovisuais e a súa adaptación a narrativas particulares, pero caracterízase ao mesmo tempo porque están contribuíndo a mellorar algo con respecto a un colectivo”, salienta Dafonte, que con esa idea sumou como socio desta iniciativa ao banco de tempo A Redeira. Con preto de 200 inscritos e inscritas, actuará como “intermediario” entre o alumnado e diferentes persoas e colectivos. “Interésame que pensen como elaborar as mensaxes para cheguen aos públicos que poidan escoller, que se poñan na pel de quen vai recibir a mensaxe”, sinala Dafonte. Nese senso o proxecto busca tamén “que o alumnado entre en contacto con esta dinámica de colaboración cidadá que supón A Redeira e pase a estar máis integrado coa cidadanía de Pontevedra”, explica o docente, que recoñece non obstante as limitacións que a actual situación de confinamento pode supor á hora de entrar en contacto con determinados colectivos.

Diferentes modalidades de participación

Dixitais. Laboratorio cidadán para a competencia dixital e mediática é o título dun proxecto que, tras unha introdución ao “problema da desinformación na contorna dixital e os seus efectos sobre distintos colectivos”, arrincou en febreiro cun seminario impartido por catro integrantes de A Redeira. Mariem Filgueira, Cristina Fariñas, Pablo Larrubia e Sara Martínez presentaron nesa actividade as diferentes modalidades de participación neste “peto colaborativo”, máis aló da opción de “persoa a persoa”, modo habitual de funcionamento dun banco de tempo. O alumnado, explicou Filgueira, pode optar tamén polas modalidades “dunha persoa a varias persoas e de varias persoas que axudan a unha”, como sería, por exemplo, a organización dun grupo de discusión. En calquera delas, explicou, contan co “apoio e asesoramento” da coordinación da Redeira, que “vai ser para eles como unha base de datos de persoas moi diversas, de entre cero e cen anos”. De feito, as coordinadoras desta iniciativa mantiveron nas últimas semanas xuntanzas de traballo con máis de 30 dos participantes nun proxecto de aprendizaxe-servizo que tamén deberá implicar o seu compromiso coa “transferencia de tempo” na que se sustenta esta iniciativa, de tal xeito que deberán “dar” a outros usuarios e usuarios da Redeira o tempo que “recibiron” daqueles e aquelas que lles prestaron a súa colaboración.

Materiais orientados a públicos diversos

A suspensión da docencia presencial obrigou, como explica Dafonte, a mudar a proposta inicial de traballos que debería presentar o alumnado ao longo do cuadrimestre, sumando outras propostas á parte práctica da materia como a de que rexistren nunha peza en vídeo un “día de confinamento”. Non obstante, o proxecto mantén o seu obxectivo de que as e os alumnos realicen ben unha serie de pezas audiovisuais “máis simples e moi breves”, pensadas para stories, para WhatsApp ou para TikTok, ben un vídeo dunha maior extensión, ideado para outra serie de plataformas como Youtube. 

O obxectivo do proxecto, sinala Dafonte, é que as e os estudantes “pensen tanto no que van dicir como en que van facer para dirixirse a un público concreto”, tendo en conta factores como o formato, a plataforma idónea para distribuílo ou os “requisitos estéticos e tendencias” das diferentes redes sociais. A colaboración da Redeira permitirá así mesmo que estes vídeos poidan orientarse a públicos dispares, desde adolescentes á terceira idade, ou reflexionar sobre a existencia na rede “de gran cantidade de contidos falsos orientados á, digamos, criminalización dos inmigrantes, do colectivo LGTBI ou do movemento feminista”. En calquera deles, engade o docente, a idea é que incorporen “a perspectiva do outro”, de tal xeito que do proxecto poidan tamén saír materiais que, máis aló do traballo académico, poidan ser utilizados tamén coa intencionalidade coa que se crearon, a de combater as informacións falsas.