DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Once estudantes do Programa para Maiores recibiron os seus diplomas na EE Forestal

O alumnado sénior do campus celebra a súa graduación

Tiveron como madriña académica á profesora Ana Acuña

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 28/06/2019

Nestas últimas semanas do curso, tamén é tempo de recoñecer o esforzo e implicación dos alumnos e alumnas que completaron no campus os ciclos integrado e intensivo do Programa Universitario de Maiores (PUM). Once novos graduados e graduadas sénior recibiron este venres na Escola de Enxeñaría Forestal as súas bandas e diplomas, ao igual que as verbas de recoñecemento do vicerreitor de campus, Jorge Soto; da vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini; do concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Espazos Naturais, Iván Puentes, e do coordinador do PUM no campus, Iván Martínez.

A profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ana Acuña exerceu como madriña académica dos dez integrantes da XV promoción de graduados sénior e do único alumno que completou neste curso o ciclo integrado do programa. Roberto Fernández interveu en representación desta nova promoción nun acto que contou tamén coa participación do presidente da asociación de alumnado sénior Asaexs, Miguel Ángel Yebra, e coa actuación do Coro do Campus, que dirixe o profesor Marco Lucato e que ten precisamente entre as súas integrantes a unha das novas graduadas sénior.

“O PUM é unha oportunidade ideal para todas aquelas persoas que, unha vez finalizada a súa vida laboral, atópanse con dispoñibilidade de tempo para seguir aprendendo, nunha contorna que facilita a socialización e o apoio mutuo”, sinalou Martínez, quen destacou ao alumnado sénior como un “obxectivo estratéxico da Universidade” nuns tempos nos que “inverteuse a pirámide de poboación”. O coordinador do PUM no campus felicitou aos novos graduados e graduadas sénior “polo seu interese en seguir sendo activos, aprendendo e enfrontándose a novos retos”, á vez que puxo en valor a importancia dun programa, “que axuda a incrementar a rendibilidade social da institución”.