Nunha actividade de aprendizaxe-servizo no IES Eduardo Branco Amor de Ourense
Alumnado de Traballo Social traballa a mediación e interculturalidade con máis de 200 estudantes da ESO
Co obxectivo de promover a comprensión da diversidade e o respecto aos colectivos vulnerables
Alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense levou a cabo esta semana unha nova acción de aprendizaxe-servizo. Neste caso, estudantando de cuarto curso do Grao de Traballo Social impartiu no IES Eduardo Branco Amor de Ourense talleres de mediación, convivencia e interculturalidade nos que participaron preto de 210 estudantes de segundo e cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria.
A actividade, coordinada pola profesora do centro Yolanda García Vázquez, forma parte do proxecto Cultivar outra mirada. Interculturalidade e aprendizaxe-servizo, “unha experiencia de innovación docente aprobada pola Universidade de Vigo que se desenvolve por terceiro ano consecutivo, consolidándose como unha práctica educativa de referencia na conexión entre universidade e comunidade”. Contou coa colaboración de diversas entidades sociais e institucións, entre elas Cruz Vermella, Accem, Fundación Secretariado Xitano, Concaes e o Sergas, que participaron na formación previa do alumnado universitario e achegaron a súa experiencia directa na atención a persoas e familias en situación de vulnerabilidade.
Unha aprendizaxe conectada coa realidade social
Durante os talleres, desenvolvidos esta semana, o alumnado do campus deseñou e puxo en práctica actividades participativas, incluíndo dinámicas de grupo, role-playing e exercicios de diálogo, orientadas a promover a comprensión da diversidade cultural, a resolución pacífica de conflitos, a mediación educativa e o respecto ás persoas migrantes e en situación de vulnerabilidade. A realización dos talleres no IES Branco Amor, comenta a profesora Yolanda García, pon de relevo o valor da colaboración entre a universidade e os centros educativos, xerando espazos de aprendizaxe compartida entre alumnado universitario e de Secundaria. A experiencia, engade, “non só contribúe á formación integral do estudantado da UVigo, senón que tamén favorece a sensibilización social da mocidade, fomentando actitudes de respecto, empatía e convivencia en contextos multiculturais”.
O proxecto, indica a súa responsable, nace “como resposta ao incremento de situacións de desigualdade, pobreza e mobilidade migratoria, especialmente relevantes no contexto galego, e alíñase cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030, en particular os vinculados á redución das desigualdades, a igualdade de oportunidades e o benestar social”. Ademais, a través desta metodoloxía de aprendizaxe-servizo, o estudantado de cuarto curso do Grao en Traballo Social, comenta Yolanda García, aplica os contidos de materias como Traballo Social e Mediación ou Traballo Social Individual e Familiar en contextos reais, desenvolvendo competencias clave como o traballo en equipo, o liderado, a comunicación pública ou a capacidade de análise.
A iniciativa contempla tamén a elaboración de recursos prácticos (guías, materiais didácticos, podcasts divulgativos ou informes sociais) destinados a mellorar a inclusión social de poboación inmigrante na contorna local. A organización apunta por último a súa intención de dar continuidade a este proxecto no curso 2026-2027, “co obxectivo de ampliar o seu impacto e seguir fortalecendo unha rede de cooperación entre universidade, entidades sociais e comunidade educativa”.
