No marco dun proxecto estatal do grupo Food and Health Omics
Alumnado de tres centros educativos da provincia, premiados polos seus vídeos de TikTok sobre alimentación
A entrega de premios tivo lugar na Facultade de Ciencias
Alumnado de tres centros educativos da provincia foron premiados polos seus vídeos de TikTok sobre alimentación realizados no marco do proxecto Aprendo a ler o que como. Formando consumidores responsables desde a aula. Os primeiros premios do certame foron para o CEIP Plurilingüe de Maceda e o Colexio Plurilingüe Sagrado Corazón de Celanova e os segundos para o Colexio Divina Pastora de Ourense e para o Colexio Plurilingüe Sagrado Corazón Celanova. Rapazas e rapaces, acompañados de profesorado, recibiron este luns pola tarde na Facultade de Ciencias do campus de Ourense os seus galardóns.
O proxecto, financiado pola convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e de innovación da Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía FECYT (do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade) percorreu este ano oito centros educativos da provincia, realizando neles talleres prácticos que permitiron a arredor de 850 nenas e nenos aprender a comprender a información nutricional das etiquetaxe dos alimentos procesados que consumen habitualmente. A iniciativa está desenvolvida por un grupo de sete docentes do Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos da Facultade de Ciencias, pertencentes ao grupo de investigación Food and Health Omics e ao Grupo de Innovación Docente en Educación Alimentaria Aliméntate con Ciencia e Conciencia.
Nos vídeo premiados, o alumnado materializa contidos aprendidos durante os talleres nos que participaron no marco deste proxecto, talleres nos que se abordou a compresión da información nutricional contida na etiqueta de alimentos procesados. Neles dedicouse especial atención a produtos que se deben evitar na dieta pero que son de consumo habitual, como aperitivos, bebidas enerxéticas e alimentos con azucres engadidos ou ricos en graxas saturadas.