DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fixeron un percorrido pola identidade lingüística e cultural de Galicia

Alumnas e alumnos de intercambio aprenden lingua e cultura galegas no campus

Ao longo do curso, de 60 horas de duración, visitaron distintas localidades

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Internacional
  • Lingua Galega
  • Visitas
  • Estudantes
E. Canle DUVI 12/12/2018

Estudantes de distintas partes do mundo aprenden lingua e cultura galegas na Universidade de Vigo mediante o curso de Extensión Cultural para alumnado estranxeiro que organiza a Área de Normalización Lingüística. O curso, que tivo lugar na Facultade de Filoloxía e Tradución, contou con alumnado procedente de diversos puntos da xeografía mundial. Así, o groso do estudantado estaba composto por alemáns, mentres que o resto procedía de Polonia, Inglaterra, Arxentina, Eslovaquia, México, Finlandia, Portugal e Ucraína.

Ao longo do curso, dirixido pola docente María Fernández, o alumnado aprendeu a comunicarse e expresarse en galego dunha maneira básica. Así, tal e como resalta a propia docente, o obxectivo fundamental do curso foi “producir discurso para interactuar con outras persoas e comunicarse para satisfacer necesidades básicas relacionadas coa rutina diaria” ademais de  comprender de xeito básico discursos orais e textos escritos relacionados coa vida cotiá. Pero o curso non só se limita ao eido comunicativo e lingüístico, senón que tamén abrangue outros aspectos da  identidade galega. Así, no que se refire ao plano cultural, e tal e como remarca a profesora,  búscase que “ o alumnado adquira un coñecemento mínimo da realidade cultural e sociolingüística galega”.

Deste xeito, o programa toca aspectos moi diversos dentro da identidade cultural e lingüística. Durante as súas 60 horas de duración, o curso fai un percorrido pola literatura, a música, as crenzas, as tradicións, o cine, a cultura e as costumes galegas. En este tempo, en palabras da docente, resulta moi difícil profundizar, polo que ao final resulta un curso introdutorio que senta unhas bases de cara a que o alumnado máis interesado siga afondando no coñecemento da cultura galega e na aprendizaxe do idioma. 

Cultura, identidade e prexuízos

Cabería pensar que ao vir de fóra, o estudantado de intercambio pode chegar con prexuízos ou estereotipos marcados que non se correspondan coa realidade galega, que é distinta doutras dentro do estado español, pero algúns deles veñen con coñecementos previos sobre Galicia, que varían dependendo do seu punto de orixe. Así, o curso conta coa presenza de estudantado procedente de  Portugal, con contacto directo coa cultura galega, ou mesmo de descendentes de emigrantes galegos, por tanto trátase de alumnado diverso que tiña xa nocións básicas das diferenzas culturais que se dan dentro de España. Tal e como resalta a docente  “moitas alumnas xa coñecían outras comunidades do estado e iso permítelles constatar importantes diferenzas”. Quizais non haxa unha idea nítida do que pasa en Galicia ou de como é a sociedade galega, pero tal e como destaca a profesora, o obxectivo final do curso é o de ofrecer a posibilidade ao alumnado estranxeiro de coñecer a identidade galega e ver “en que aspectos se afasta deses estereotipos”

Do grupo de este ano María Fernández salienta que "o alumnado é moi traballador e manifesta interese polos contidos e as actividades", o que facilita o seu labor coma docente, aínda que tamén remarca que a competencia a nivel oral é moi complicada de conseguir nun curso que ten tan poucas horas e nunha realidade socilingüística como a da cidade de Vigo, na que os alumnos e alumnas non contan case con ningún apoio se queren practicar o idioma galego. No resto de aspectos e no traballo do grupo, a docente declárase moi satisfeita co rendemento, interese e gañas de aprender dos rapaces e rapazas que este ano estiveron matriculados neste obradoiro. 

Percorrido pola xeografía galega

Os intereses dentro do alumnado son diversos (cultura castrexa e celticidade, arquitectura, festas, costumes, etc)  aínda que o que máis parece gustarlles de Galicia aos estudantes é a natureza, así, algúns deles salientan as similitudes da paisaxe galega coa do seu país de orixe. Neste senso e como non todo vai ser estudar, o programa do curso tamén inclúe 15 horas que se dedican exclusivamente a realizar visitas culturais a puntos da xeografía galega. O obxectivo que se persegue con estas  visitas culturais é dar a coñecer lugares singulares pola paisaxe, polo atractivo natural, pero que ademais "nos permitan desenvolver outros contidos do temario cultural relacionados coa historia, a xeografía e a etnografía". Así, este cuadrimestre os estudantes puideron visitar Carnota, monte Louro, Muros e ao castro de Baroña, tendo así a oportunidade de coñecer a vertente atlántica de Galicia. Tamén se realizou unha vista para ensinar as variantes de interior, o bosque de ribeira, mediante unha visita ao mosteiro de Carboeiro e a fervenza do río Toxa. 

Logo de catro meses de intensa aprendizaxe sobre a lingua e a cultura galegas, o curso de Extensión Cultural porá fin ao seu recorrido o vindeiro día 20, momento no que os alumnos e alumnas terán xa adquirido uns coñecementos básicos sobre Galicia, o seu idioma, a súa xente e a súa cultura.