DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co gallo da conmemoración do 25 de novembro

Alumnas de Educación Social realizan unha campaña de sensibilización contra a violencia de xénero

Dous murais abordan a problemática dos feminicidios

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI Ourense 18/11/2019

Co gallo da conmemoración o 25 de novembro do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, catro alumnas do Grao en Educación Social, da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, puxeron en marcha este luns unha campaña de sensibilización contra os feminicidios. A través de dous murais situados na entrada do Edificio de Ferro, o seu obxectivo é contribuír “á visibilización deste problemática na sociedade”.

As responsables da iniciativa son as alumnas de cuarto curso Raquel Fernández, Jéssica Cáliz, Candelaria Alasino e Sandra Maceira. Segundo explican, o proxecto foi realizado no marco da materia de Educación e Animación Sociolaboral, impartida pola profesora María Reyes Pérez. Satisfeitas co resultado do traballo e co desexo de pór o seu grao de area na loita contra a violencia de xénero, decidiron sacar da aula o seu traballo e transformalo nunha acción expositiva que agora está na entrada da súa facultade para acadar que o seu impacto chegue a outros membros da comunidade universitaria.

Enriquecemento persoal e social

Esta acción, indica Candelaria Alasino, xurdiu ante a convicción compartida  por estas estudantes de que “esta problemática está aínda está moi invisibilizada e pareceunos importante traballar sobre ela agora que se achega o 25 de novembro tratando de conseguir que a xente, sobre todo a desta facultade, que é a de Ciencias da Educación, estea un pouco máis concienciada sobre o tema”. A iniciativa, deatalla Raquel Fernández, consta de dous murais. Un primeiro recolle información de cada unha das “90 vítimas de feminicidio no que vai de 2019 en España, que hoxe lamentablemente xa son 91”. O segundo convida á xente a “participar deixando as súas propostas ou ideas para combater esta problemática”. A campaña conta ademais cunha ventá aberta en Instagram para contribuír á difusión da mensaxe que queren transmitir nesta acción.

Ademais da satisfacción de contribuír, como futuras educadoras sociais, a “dar a coñecer unha problemática social que está escondida na sociedade”, Sandra Maceira, salienta como esta actividade “tamén nos enriqueceu a nós persoalmente, xa que tivemos que documentarnos e aprendemos moitas cousas que non sabiamos”. Os murais, detalla por último Jéssica Cáliz, estarán na entrada do Edificio de Ferro ata o 25 de novembro e á falta de coñecer a acollida que terán esta semana por parte da comunidade universitaria, a alumna sinala como a pesar de ser a súa  primeira experiencia deste tipo “está sendo moi positiva para todas nós”.