DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Iván García forma parte da selección coa que España participa no mundial de Manchester

Un alumno do campus, no Campionato do Mundo de Taekwondo

Estudante de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, compite este domingo en -87 quilos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 16/05/2019

“Este ano non tiñamos este obxectivo, non contabamos con isto e a verdade é que é algo incrible, un regalo”, salienta o estudante da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Iván García da súa selección por parte da federación como un dos integrantes do equipo co que España compite no Campionato do Mundo de Taekwondo absoluto, que nestes días se desenvolve en Manchester. Será este domingo 19, concretamente, cando a García, alumno do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, lle corresponda competir na modalidade de -87 quilos dun campionato no que están inscritos 975 deportistas de 150 países e ao que este deportista acode por primeira vez como colofón a unha tempada marcada por logros como as medallas de ouro que acadou no Campionato de España absoluto e no Campionato de Europa de clubs de taekwondo.

“É o meu primeiro mundial, polo que tampouco teño ningunha presión, o obxectivo é simplemente aprender, gozar a da experiencia e intentar que saia un pequeno reflexo do que levamos facendo toda a tempada”, salienta dun torneo no que o obxectivo é “tentar chegar o máis lonxe posible”, recoñece. “Como en todos os campionatos, se pasas unha rolda mellor que ningunha e se pasas dúas, mellor que unha”, engade este deportista do Mat´s de Marín, un dos preto de 60 taekwondistas que o domingo competirán na modalidade de -87 quilos, na última xornada do torneo de taewkondo máis importante ata os Xogos Olímpicos de Tokio 2020. “Ao celebrarse ademais o ano antes das Olimpíadas fai tamén que aquí haxa moita xente dun nivel moi alto, que se están xogando unha posibles clasificación”, engade nese senso García que recoñece como “algo incrible” a experiencia que está a vivir nestes días en Inglaterra.

O broche á súa mellor tempada

“O noso obxectivo esta tempada era achegarnos ao primeiro rival”, salienta García do traballo e dos logros deportivos que nestes meses e que lle permitiron ir sumando puntos no ránking da súa modalidade. Este taekwondista abría de feito a tempada cun bronce no Open de Polonia, tralo que logo chegarían éxitos como a medalla de ouro no Open de París, “que era un G2 con moito nivel”, o ouro no Campionato de Europa de clubs, outro bronce no Open de Turquía e o seu primeiro ouro no Campionato de España absoluto, disputado en marzo en Alacante. Éxitos aos que logo se sumaría, na que recoñece como a súa mellor tempada ata agora, a súa convocatoria para formar parte da selección española na President´s Cup, "que é tamén un G2 de moi alto nivel e no que quedei a un combate das medallas” e o bronce acadado no Open de España, último torneo previo a un mundial ao que esta serie de logros deportivos e a lesión do taekwondista que ocupaba o primeiro posto no ránking da súa modalidade, Daniel Ros, levárono a formar parte do equipo co que España compite neste mundial, ao que chegou despois de dúas semanas de concentración en Madrid. “Todo o equipo que me rodea son xente de moi alto nivel, xa sexan medallistas olímpicos, xente que participou en Olimpíadas ou xente que está a un nivel moi alto e poder facer previamente a preparación con eles dáche un bagaxe que a verdade axúdame a afrontar de mellor maneira o campionato”, salienta da súa convivencia cun grupo de 16 deportistas do que tamén forman parte as galegas Arlet Ortiz e Sara Cortegoso.

A Universiada para pechar o círculo

A súa participación no Campionato do Mundo impediu a García representar este ano a Universidade de Vigo no Campionato de España Universitario, celebrado a comezos de maio en Castellón. Non obstante, é moi probable que este deportista e alumno sexa un dos participantes na Universiada que se celebrará en xullo en Napolés. “Falta ver un pouco os criterios técnicos e que saia a convocatoria, pero parece que está bastante encamiñado”, recoñece García que, de confirmarse, sería un dos representantes da Universidade de Vigo nun torneo no que o alumno da Escola de Enxeñería Industrial Alejandro Losada competirá na modalidade de poomsae. “Sería unha tempada redonda”, recoñece García desta posibilidade de participar “noutro campionato con moitísimo nivel, que ao final é unha olimpíada en maior ou menor medida”.