DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Isaías Basilio de Souza é un dos cinco estudantes seleccionados en España nesta convocatoria

Un alumno de Dereito, entre os novos embaixadores do Programa EU Careers

Dará a coñecer na UVigo as oportunidades das carreiras profesionais nas institucións europeas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Internacional
  • Estudantes
DUVI Ourense 20/10/2020

O estudante de cuarto curso do Grao de Dereito do campus de Ourense Isaías Basilio de Souza foi seleccionado recentemente pola Unión Europea como estudante embaixador do programa EU Careers. Durante un ano o seu papel consistirá en promover no conxunto da Universidade de Vigo, e non só na Facultade de Dereito na que estuda, as oportunidades das carreiras profesionais nas institucións europeas.

Moi satisfeito por ser un dos seleccionados nesta iniciativa europea, Isaías Basilio de Souza sinala que, tras coñecer a existencia da convocatoria deste programa e as súas características, animouse a participar “xa que sempre me interesou a posibilidade de traballar na Unión Europea, una institución que admiro”. Así, explica, “teño unha gran paixón pola política, máis especificamente pola política da Unión Europea”, apuntando o seu especial interese en materias do grao como Dereito da Unión Europea, impartida no campus de Ourense pola profesora Belén Sánchez. Unha vez coñecida a convocatoria, detalla o alumno, a participación no programa EU Careers foi “un proceso bastante difícil”, que consistiu entre outras probas en escribir un texto en inglés e entrevistas on-line co departamento de selección da convocatoria, pero, afirma, “valeu a pena” o esforzo realizado.

Un ano de actividade

Segundo explica o alumno, o seu papel como embaixador durará ata setembro de 2021, sendo, apunta, o único representante de Galicia nesta iniciativa e un dos cinco seleccionados no conxunto do estado, completando a lista estudantes de Valencia, Murcia, Cataluña e Navarra. Entre as súas obrigas estarán dedicar cando menos dúas horas semanais aos seu papel como embaixador do programa EU Careers e organizar ou participar como mínimo nun evento ou unha presentación sobre as posibilidades de emprego nas institucións da UE. “O meu deber como representante na Universidade será o de actuar como punto de contacto para os estudantes interesados en traballar para a Unión Europea, difundir información sobre as carreiras profesionais na UE e especialmente impartir conferencias dentro e fóra do campus de Ourense sobre as oportunidades laborais nas institucións europeas”, indica o estudante. Ademais, entre as súas funcións, engade Isaías Basilio de Souza, estarán asistir a eventos universitarios, informar sobre as saídas profesionais e pór a disposición da UVigo oradores de interese, co obxectivo último de “esclarecer as dúbidas que poidan xurdir sobre as saídas laborais que ofrecen as institucións europeas”.

Entre os primeiros eventos que terá o alumno estará participar nunha xornada sobre saídas profesionais en institucións europeas que está a organizar a Facultade de Dereito do campus de Ourense a través del Campus Remoto de la UVigo e que terá lugar en vindeiras semanas. Segundo explican desde o centro, o convite de Isaías Basilio de Souza a esta cita ten como obxectivo que o alumno poida presentarse ao resto dos seus compañeiros como estudante embaixador desta iniciativa, trasladarlles información sobre as oportunidades laborais que ofrece a Unión Europea e sobre os procesos de selección e pórse á súa disposición para orientalos individualmente se están interesados en traballar na UE.

A experiencia, indican desde EU Careers, permitirá a estes embaixadores aprender máis sobre as oportunidades laborais na Unión Europea e promocionalas entre os seus compañeiros e compañeiras; “construír unha fantástica rede de estudantes en Europa” e adquirir unha experiencia laboral durante os estudos que enriquecerá os seus currículums. Tamén, engaden, permitiralles desenvolver as súas competencias para falar en público, así como en marketing e recursos humanos; recibir unha formación inicial completa e titorías durante toda a súa función; acceder a funcionarios europeos de alto nivel e recibir unha carta de referencia de acordo cos resultados obtidos nun programa que aposta por “persoas motivadas, sociables e entusiastas” e “maneiras innovadoras” que promovan o coñecemento nas universidades das carreiras profesionais na UE.