DUVI

Diario da Universidade de Vigo

“Home de pan” e “Nacemento do caos” son as esculturas expostas

Alumnos de Belas Artes decoran os xardíns da facultade coas súas obras

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Ana Terceiro DUVI 13/03/2008

Aos que paseen estes días polos arredores da Facultade de Belas Artes, chamaranlles a atención as estrañas esculturas que se atopan nos xardíns da entrada. Un home de pan e una obra de metal son as figuras que decoran esta zona e que non deixan impasible a ninguén. Trátase dunha iniciativa dos alumnos do centro que decidiron amosar ao público os traballos que tiveron que realizar para a materia de Escultura impartida polo decano, Ignacio Barcia.
A partir dun material elixido por eles mesmos, Barcia propúxolles facer diferentes obras por equipos, de xeito que ao cabo de dúas semanas algúns dos resultados foron o xa coñecido como Carapán e o Nacemento do Caos, os proxectos expostos nos xardíns da facultade.

As obras

O home de pan, feito cunha estrutura interior de ferro, consiste na figura dun home realizada con anacos de pan, de aí que xa sexa común chamarlle Carapán ou San pan-cracio. Javier Roque, David Quintero, Elena Torres, Ana Varela, Salvador Figueira e Alberto son os seis autores desta obra que desde onte atópase nos xardíns de Marescot. A idea destes estudantes de segundo curso de Belas Artes foi utilizar un material de uso común e ao mesmo tempo darlle un senso relixioso, por iso decidiron empregar o pan para o seu proxecto.
Por outra banda, o Nacemento do Caos é a outra figura que decora a entrada da facultade. Feita con restos de metais que os alumnos encontraron, déronlle forma á que para eles é a representación do caos. Aritz, Sandra e Paula son os novos artistas que presentaron o seu traballo e que se animaron a amosalo á cidadanía.